RECREACIÓN. A Virxe do Carme volveu salvar a vida dun pescador no Naufraxio // Rendeuse homenaxe a Avelino Lema, o impulsor do simulacro TEXTO J. M. Ramos

Sesenta anos de milagres en Laxe

Simulacro
Jose Manuel Ramos
Grupo de nenos e nenas que interpretaron a popular danza de arcos. Foto: J. M.

Milleiros de persoas presenciaron en Laxe un novo milagre da Virxe do Carme, que coincidiu ademais co sesenta aniversario do tradicional Naufraxio, un simulacro que este ano viviu a súa primeira edición sen o seu creador: Avelino Lema Santos, falecido en setembro de 2020.

Mariñeiro toda a súa vida, Avelino foi quen instaurou en Laxe esta representación, declarada dende hai anos como Festa de Interese Turístico de Galicia, en agradecemento á Virxe do Carme por axudarlle a salvar a súa vida ata en tres ocasións, con motivo dos naufraxios doutros tantos barcos nos que el navegaba como tripulante. Unha posta en escena para a que se inspirou nun acto similar que se celebra nunha vila costeira de Perú, e que hoxe é un referente da vila laxense.

A Confraría de Pescadores de Laxe quixo que esta sesenta edición estivese adicada a Avelino Lema, a quen renderon unha homenaxe durante a misa na honra da Virxe do Carme, na que Antonio Barros intepretou a Salve Mariñeira en memoria de todos os náufragos.

O acto litúrxico deu paso a unha procesión presidida pola imaxe da Virxe ata o porto da vila. Alí, a patroa dos mariñeiros obrou un novo milagre devolvéndolle a vida a un dos náufragos da embarcación que foi a pique na dársena laxense.

Os seus compañeiros lograron chegar a nado a terra e recuperar o cadáver que, tras ser depositado aos pés da Virxe do Carme, recobrou a vida entre aplausos e unha sentida interpretación da Salve Mariñeira por parte dos náufragos e de moitos dos que presenciaron, un ano máis, a acción salvadora.

De seguido, como vén sendo costume, os mariñeiros de Laxe acompañaron á Virxe do Carme nunha procesión por mar, encabezada este ano polo pesqueiro 2ª María Isabel, a bordo do cal viaxaba a imaxe da santa, acompañada polos náufragos e tamén polo alcalde laxense, José Luis Pérez, entre outros.