CAMARIÑAS. Amosará ata o domingo, día 17, o bo facer de palilleiras de nove países // Doce grandes deseñadores exhibirán moda con puntillas // Música, concursos, gastronomía e solidariedade complementarán a gran cita dos bolillos TEXTO J. Ramos

Tecendo fíos e unindo os pobos a través da Mostra do Encaixe

Artesanía
El Correo Gallego
A cantante vimiancesa Irma Macías amenizou os primeiros desfiles da Mostra do Encaixe 2022. Foto: Concello de Camariñas

A XXXI Mostra do Encaixe abreu este mércores as súas portas, recuperando así a súa data habitual e tamén a “identidade”, como salientou a alcaldesa, Sandra Insua, quen afirmou que “para calquer camariñán ou camariñá, a normalidade non existe se non hai Mostra en Semana Santa”.

Ao gran escaparate das palilleiras e das súas puntillas volveron tamén as delegacións internacionais despois de dous anos ausentes por mor da pandemia. A súa presenza ten ademais, no contexto actual, un significado especial, e por iso a rexedora quixo enviar “desde Camariñas unha mensaxe de unión entre pobos, unha mensaxe de diplomacia, de que todos somos iguais e de que as fronteiras non poden separarnos, senón que teñen que servir para unirnos, para colaborar e para intercambiar coñecementos e cultura”.

Aproveitou ademais a intervención para expresar a súa solidaridade co pobo ucraíno e amosar a súa “enérxica condena á guerra”, ao tempo que lembrou que Camariñas xa acolleu varias familias de refuxiados. “Sodes máis que benvidos. Seguro que vós encaixades no paraíso”, remarcou a alcaldesa.

Ao acto inaugural sumouse o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, quen destacou que a Mostra, ademais de promocionar a nosa artesanía e tradición, “é tamén unha homenaxe ás palilleiras depositarias deste gran legado cultural e patrimonial”. Dicir encaixe, dentro e fóra das nosas fronteiras, “é dicir Camariñas”, engadiu.

Amosou ademais a súa satisfacción ao ver “como nun mundo tan dixitalizado hai avoas e nais que manteñen viva a tradición e nenos e nenas que devecen por continuala, por seguir innovado e facer chegar esta arte dos bolillos a todos os recunchos do mundo”.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, María Rivas, gabou “o esforzo e o bo facer das palilleiras para situar esta mostra coma o evento do encaixe máis importante do mundo”, e confía en que “canto antes, sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional”.

Asistitu tamén ao acto o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, quen subliñou que a feira das puntillas de Camariñas é “un punto de encontro para o sector artesán e para a moda galega, así coma un motor de dinamización económica e turística da zona que axuda a proxectar a imaxe de Galicia e dos seus oficios no exterior”. Destacou ademais que o encaixe “é o sinal de identidade de Camariñas, polo que esta terra é coñecida e apreciada en todos os recunchos do planeta”.

Dixo que visitar Camariñas estes días é un acerto garantido. “A mellor contorna, a mellor gastronomía, a mellor compañía e a beleza espectacular e cativadora dos encaixes. Comprar encaixe é comprar anaquiños de Galicia. Vestir encaixe é distinguirse do vulgar e facer cotián o sofisticado. É levar no peto un lugar ao que sempre hai que volver”, concluíu o representante da Xunta.

A Mostra do Encaixe terá continuidade ata o domingo, día 17, e na xornada inaugural acolleu xa os primeiros desfiles de moda dos doce Grandes Deseñadores que participan na pasarela: Amaya Fernández, Ana Cabranes, Devota & Lomba, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, Lalacó Atelier, Sara Lage, Jorge de Álvarez, María Campaña, K-Kou e Jose Matteos. Tamén se estreou o desfile de PequEncaixe. Repetirán todos os días do encontro, e xunto as súas creacións poderán verse tamén as coleccións que compiten no XXVIII Concurso de Noveis Deseñadores. Este ano, ademais, estrease o espazo VodaEncaixe, e non faltan a música, a gastronomía e tamén as accións solidarias.