Conde e Rosa Quintana asistiron no porto muradán á demostración de Mar-2, un sistema automatizado mediante vehículos non tripulados que se encarga da súa medición // O programa realiza mostraxes na costa e nos encoros TEXTO María Cano

Tecnoloxía e innovación para garantir a calidade da auga

Innovación
María Cano
No centro, Rosa Quintana, Francisco Conde e a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, durante a demostración no porto muradán. Foto: XdG

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, e a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, asistiron este martes no porto de Muros a unha demostración do programa Mar-2. Trátase dun sistema automatizado para a medición da calidade da auga, que é a primeira solución con vehículos non tripulados posta en marcha para mellorar a prestación dos servizos públicos galegos.

Conde destacou que a Compra Pública Innovadora “foi a fórmula pola que apostou a Xunta e que fixo posible integrar as tecnoloxías non tripuladas e a prestación de servizos públicos”. Neste caso, utilízase un sistema automatizado de mostraxes oceanográficas que opera a través dun vehículo aéreo e dunha embarcación non tripuladas equipados con sistemas de medición da calidade da auga para a toma de mostras, cunha plataforma para a administración e almacenamento de datos.

Durante a demostración no porto muradán, Rosa Quintana subliñou a importancia de “incorporar as últimas tecnoloxías co obxectivo de facilitar o labor de estudo e control do medio mariño”. Nesta liña, incidiu en que esta solución permite a recollida de mostras e a medición de parámetros de calidade da auga de forma autónoma, “o que mellora o desenvolvemento da actividade por parte dos profesionais do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar)”.

Este tipo de dispositivos, segundo explicou a representante do Goberno autonómico, permiten unha recollida de datos máis intensiva, podendo actuar incluso en situacións de condicións meteorolóxicas e marítimas adversas. O obxectivo, segundo destacou a titular de Mar en funcións, “é mellorar os procesos na medida do posible e acadar unha maior eficiencia na realización dos labores de control e de seguimento do medio mariño de Galicia”.

Así, esta innovadora solución (desenvolvida por unha Unión Temporal de Empresas formada pola multinacional Indra e polas pemes galegas Sistemas, Soluciones y Proyectos de Información e Adantia) xa está plenamente integrada nas operativas de traballo do Intecmar, de Augas de Galicia e do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

O Intecmar coordina as mostraxes coa embarcación na ría de Muros-Noia e realízanse cunha frecuencia semanal. Augas de Galicia está a realizar, con carácter trimestral, tomas de mostra co vehículo aéreo non tripulado nos encoros de Eiras, Caldas, Portodemouros, Barrié de la Maza, Santa Uxía, Ribeira, Eume e Forcadas e na contorna da ría de Vigo, e o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia está a realizar a análise dos datos recibidos.

Tal e como explicou o conselleiro de Empresa e Innovación en funcións no acto que se levou a cabo en Muros, o Executivo galego está a destinar neste momento un total de 2,9 millóns de euros a solucións tecnolóxicas que se están despregando e incorporando na operativa dos servizos públicos da Xunta de Galicia e que se enmarcan dentro do primeiro período do Polo Aeroespacial.

Xunto co programa Mar-2 inclúense iniciativas como o inventario forestal e a detección de afectación por pragas forestais, solucións de cartografía e usos do solo.