Tirón de orellas a Ames: non poden abrir o centro de saúde sen corrente

Infraestruturas esíxelle ao edil Blas García que complete os trámites da acometida con Fenosa
Sanidade
O.D. Vilar
Acceso ao novo centro de saúde do Milladoiro. Foto: C.G.

Ames. A Xunta solicítalle ao Concello de Ames “dilixencia nos traballos que ten pendentes de tramitación e que están a impedir a posta en servizo do novo centro de saúde do Milladoiro”, unha dotación que leva finalizada pero sen corrente dende hai 2 meses.

Representantes do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Infraestruturas mantiveron este venres un contacto telemático co segundo tenente de alcalde de Ames, Blas García, de cara a abordar as cuestións que aínda están pendentes por parte da administración local, relativas á acometida eléctrica. Na reunión participaron a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, María Jesús Piñeiro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, entre outros responsables.

O novo equipamento sanitario, no que a Xunta investiu 2,7 millóns de euros, está rematado desde mediados do mes de xullo, pero pendente aínda de que o Concello arranxe certas cuestións relacionadas coa acometida eléctrica para poder proceder á súa apertura inmediata.

E aínda que o centro de transformación e a instalación dentro do propio edificio xa están executadas, deixan claro que o Concello de Ames ten pendente aínda xestións “para completar a tramitación da liña de acometida en media tensión ante Fenosa, ademais da xestión da execución do centro de seccionamento, partes imprescindibles para o subministro eléctrico do centro de saúde”.

Sen estes trámites lembran que “non é posible poñer á disposición dos usuarios o novo equipamento sanitario, algo que estaba previsto no verán, en canto finalizase a súa construción”. As acometidas de auga e de gas, que tamén lle corresponden a Ames, fíxeronse “recentemente”. m.m.