O Goberno galego anunciou as primeiras licitacións do Plan que busca mellorar a accesibilidade das mesmas // Prevese comezar na primavera os traballos na Costa da Morte // Hai ata o 9 de decembro para presentar ofertas TEXTO C. Estévez

Todo en marcha para renovar paradas en Carballo e Laracha

Licitación de obras
Claudina Estévez
Pola esquerda, Ethel Vázquez, José Manuel López, Gonzalo Trenor, Juan Seoane e Luis Lamas este venres na Laracha. Foto: Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou este venres na Laracha a licitación das primeiras actuacións do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, ao que a Xunta destina 35,5 millóns.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse ata a estrada a AC-552, ao paso polo lugar de Cancelo de Arriba, no municipio da Laracha, para explicar o novo Plan, que suporá actuar en 1.105 paradas de autobús da Xunta.

A conselleira apuntou que o obxectivo é reforzar a seguridade, mellorar o equipamento das paradas de autobús e favorecer a mobilidade e a accesibilidade na súa contorna, “sabendo que as paradas son o primeiro elemento de contacto entre o usuario e o transporte público”.

Referiuse tamén ás actuacións que se levarán a cabo baixo este plan. Segundo dixo, por unha banda, as intervencións previstas garantirán a accesibilidade, pensando especialmente nas persoas con dificultades de mobilidade; executaranse ramplas de acceso e dotarase á contorna das paradas de pavimento podotáctil. Ademais, engadiu, “tratarase de favorecer a conectividade das paradas, a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís”.

Tamén se mellorará o equipamento das mesmas coa dotación de novos refuxios que protexan os usuarios fronte ás inclemencias do tempo, “bancos e apoio isquiático que ofrezan comodidade aos viaxeiros durante a espera”, remarcou.

Ethel Vázquez tamén se referiu ao reforzo da seguridade das paradas, ampliando o espazo, mellorando a sinalización e incidindo na velocidade. Ademais, dixo, “terase en conta a perspectiva de xénero, eliminando “a vexetación da contorna e coa mellora da visibilidade e a iluminación”. A titular de Infraestruturas e Mobilidade, explicou que estas actuacións de mellora da seguridade e da accesibilidade deste Plan comezan precisamente por activar o investimento de 1,3 millóns de euros nas obras que este venres se licitaron, para mellorar 32 paradas na AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo. As empresas interesadas na execución dos traballos teñen de prazo ata o vindeiro día 9 de decembro para presentar as súas ofertas.

A partir de aí, segundo avanzou a conselleira, e dado que neste caso non son necesarias expropiacións, o obxectivo é iniciar os traballos de mellora destas 32 paradas na AC-552 na primavera, cun prazo de execución de 12 meses.

Precisou que, no caso concreto desta estrada autonómica, mellorarase a seguridade e a accesibilidade en 32 paradas de autobús da Xunta, situadas ao longo de 15 km da vía, no seu percorrido polos tres citados municipios. A maioría das actuacións, un total de 18, executaranse no treito da estrada AC-552 ao seu paso por A Laracha.

Os labores incluirán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús; a mellora da accesibilidade; e a pavimentación da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións de drenaxe, condución de servizos e de colocación de varandas.