A empresa arzuá é unha das beneficiarias do programa Responsabilízate da Xunta que axuda ás pemes galegas a ser máis sostibles e a impulsar a súa competitividade // A firma destaca polos seus valores en materia de igualdade laboral TEXTO C. Estévez

Toldos Gómez: o exemplo do compromiso local e social

Empresas
Claudina Estévez
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o director xerente da empresa arzuá Toldos Gómez, Esteban Raposo. Foto: Xunta de Galicia

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade continúa a promover a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para axudar a unhas 180 pemes galegas a ser máis sostibles e impulsar a súa competitividade. No marco desta iniciativa, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou este martes no concello de Arzúa as instalacións da empresa Toldos Gómez, unha das beneficiarias do programa Responsabilízate 2022-2024.

Mancha destacou o compromiso desta firma co emprego local e a igualdade laboral ao ter implantado medidas contra a discriminación por razón de xénero e para favorecer a corresponsabilidade entre as persoas traballadoras. A Xunta está comprometida co fomento da incorporación de criterios sostibles á xestión empresarial a través da aplicación de valores ambientais, sociais e de gobernanza, así como na posta en marcha de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades. Tal e como especificou Elena Mancha, o modelo que desenvolve Toldos Gómez é exemplo destes obxectivos “polo seu compromiso local, polas colaboracións de acción social e por promover a igualdade no seo da organización”, dixo.

A directora xeral puxo en valor que a firma, con 113 anos de traxectoria, manteña un “firme compromiso local” tanto no que se refire ao emprego (co 78,4 % da plantilla integrada por persoas da comarca) como no desenvolvemento da súa actividade, xa que máis da metade dos provedores están en Galicia, e máis do 43 % na provincia da Coruña.

Tamén subliñou as medidas de acción social que a mencionada firma promove na súa contorna mediante a promoción de hábitos saudables nunha carreira anual que patrocina e aportacións a entidades deportivas. A Administración galega colabora con esta empresa, que dende o ano 2019 recibiu máis de 8.000 euros no eido da RSE, o desenvolvemento de plans de igualdade e do teletraballo, entre outros.

A firma arzuá conta cun Plan de Igualdade vixente ata o próximo 2023 e cunha comisión paritaria encargada do seu seguimento integrada por representantes da empresa e das persoas traballadoras. Entre outros obxectivos, Mancha remarcou o compromiso da entidade por eliminar calquera discriminación relacionada cos tipos de contrato, xornada ou categoría laboral. Tamén a aplicación deste mesmo principio aos procesos de incorporación de persoal, formación, avaliación do rendemento e promoción interna.

RESPONSABILÍZATE. A firma, ademais, é beneficiaria do programa Responsabilízate, do que este ano forman parte máis dun cento de empresas. “As pemes interesadas en participar aínda están a tempo de facelo, pois o prazo de inscrición en Responsabilízate continúa aberto na sede electrónica da Xunta ata completar as 180 prazas previstas”, especificou Elena Mancha.

Responsabilízate diríxese ás pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual para impulsar a súa competitividade nun contexto de transformación no que as prácticas como a xestión responsable das persoas ou a adaptación a unha economía baixa en carbono son claves para o posicionamento.