Trinta anos de inclusión de persoas con diversidade da Costa da Morte

Íntegro atende actualmente as necesidades de corenta e tres familias // O reto segue a ser a formación e o emprego e sacarlle un sorriso ós usuarios cada día
Aniversario
Jose Manuel Ramos
Adolfo López, segundo pola esquerda, con directivos, traballadores e usuarios de Íntegro no acto conmemorativo do trinta aniversario da asociación que vela pola inclusión das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Foto: J. M.

O 1 de febreiro de 1992 sete persoas con discapacidade de Ponteceso e Cabana decidiron unir esforzos e constituír a Asociación de Minusválidos Ponte-Cabana. Un deles era Adolfo López, presidente da que hoxe coñecemos como Asociación Íntegro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte, que vén de cumprir 30 anos “camiñando cara a inclusión”. “Choveu moito dende entón”, afirmaba este venres no acto conmemorativo, pero “o feito está a vista de todos”. Di que foron tres décadas de “traballo, perseverancia, inquedanzas e tamén algunha decepción no camiño” pero froito dese labor hoxe “estamos cubrindo as necesidades de 43 familias da Costa da Morte”.

López Baña lembrou que as primeiras xuntanzas do colectivo celebrábanse nun bar de Ponteceso. A maioría dos membros eran lesionados medulares e as súas primeiras accións foron encamiñadas a “sensibilizar e informar á poboación sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular”. Así naceu a campaña que aínda manteñen na actualidade.

Un dos primeiros atrancos foi a financiación, polo que tiveron que tirar da imaxinación para recadar fondos e decidiron organizar desfiles de moda “integradores” nos que participaban modelos con e sen discapacidade.

Dende as súas orixes, engadiu, a asociación comprometeuse coa formación e a busca de emprego. Un reto complicado, que os levou a crear o Centro Especial de Emprego Íntegro Xardinería e Medio Ambiente. Despois, no 2001 inauguraron as instalacións de Nantón, e en xullo do 2013 constituiron o Centro Especial de Emprego Máis Porvir Xestión Social, dedicado á prestación de servizos socio-sanitarios e labores auxiliares para empresas e administracións públicas que na actualidade ofrece traballo a 42 persoas, das que 39 teñen algún tipo de discapacidade.

A directora de Íntegro, Noelia Barreiro, subliñou que un dos grandes avances nestes trinta anos “foi o cambio de mentalidade da sociedade respecto da percepción que se tiña sobre a diversidade”.

Agora, trinta anos despois afrontan o 2022 con novos retos, entre eles a ampliación da sede de Nantón, que lles permitirá ampliar o número de usuarios de 45 a 63. O que nunca cambiará, afirmou Adolfo López, “é o feito de que seguiremos sendo unha entidade comprometida coa nosa misión de alcanzar a inclusión das persoas con diversidade funcional e recoñecida polos nosos valores”.

O reto segue sendo, engadiu, “sacarlle un sorriso cada día ós nosos usuarios, iso xa é un logro importante”. Do bo labor da entidade deron conta tamén outros directivos, como Silvestre Couto, outro dos fundadores, e tamén traballadores como Anabel, quen afirmou que “é moi gratificante ir para a casa co sorriso das persoas aças que axudo”. Toni, un dos usuarios e traballador do centro de emprego dixo que “para min entrar en Íntegro foi un cambio moi grande, e hoxe son máis independente”.