Clausurouse con éxito este sábado // Incluía corenta imaxes da Axencia Efe // Estas narraban as circunstancias das xeracións que abandonaron a súa terra

Unha mostra levou o drama da diáspora ata a vila outense

Exposicións
Ana Pérez
‘Nós tamén fomos emigrantes’ clausurouse con éxito o pasado 3 de decembro na vila de Outes. Foto: Concello

A casa da cultura de Outes acolleu durante o último mes a exposición fotográfica Nós tamén fomos emigrantes, promovida pola Axencia EFE, Afundación, Xacobeo 21-22 e o Concello outense dentro do programa Corrente Cultural, e foi clausurada con éxito este sábado.

Trátase dunha exposición itinerante que inclúe unha selección de corenta instantáneas procedentes dun dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española: o arquivo da Axencia EFE. Son na súa maioría retratos próximos que narran as circunstancias vitais das xeracións dos nosos pais e nais, avós e avoas, que abandonaron a súa terra na procura dun futuro mellor.

Neste tempo, a mostra foi visitada polos centros educativos, achegándolle aos máis novos o que é a emigración e os dramas que recollían as fotografías pois, Nós tamén fomos emigrantes, “permite mirar cara atrás e descubrir que todos fomos emigrantes, con todo o que iso conleva na identidade galega dunhas xeracións que están aínda moi próximas. Imaxes que nos din quen fomos e quen somos”, destacaron desde a Área de Cultura de Afundación.

A exposición enmárcase en Cultura por alimentos, unha iniciativa de Afundación a favor de FESBAL. Así, os visitantes doaron víveres non perecedoiros, que irán destinados ó banco de alimentos local.