Valga loce toda a súa fermosura para a Festa da Anguía e da Caña do País

O certame convocado anualmente polo Concello premia ao sitio mellor acondicionado e engalanado polos veciños // Nesta edición participan dezasete lugares das cinco parroquias
Festa da Anguía
Claudina Estévez
Adecentáronse as pistas de xogos no CEIP Baño-Xanza. Foto: C. Valga

Os parques, espazos e infraestruturas públicas de Valga locen estes días a súa mellor imaxe a través do concurso Embelecer Valga.

Este certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado polos veciños e é convocado anualmente polo Concello dentro dos actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

O obxectivo é implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos, acometendo proxectos de mellora e accións de limpeza, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes. O Concello aporta os materiais necesarios para a realización de todas as obras.

Un total de dezasete lugares das cinco parroquias participaron nesta edición do concurso e xa recibiron a visita do xurado, formado por un representante de cada comisión veciñal participante e os concelleiros de Cultura, Turismo e Patrimonio.

Valoraron aspectos coma o deseño de xardíns e zonas recreativas, a orixinalidade e creatividade da decoración, o aproveitamento de recursos da zona e uso de materiais reutilizados.

En Barcia acondicionouse o parque; en Beiro fixéronse labores de mantemento e limpeza do parque e acondicionamento do lavadoiro e do seu entorno; en Campaña mellorouse o campo da festa; en Eirexe (Campaña) traballouse no embelecemento do cemiterio parroquial; en Canle acometeron a reposición de xardíns e outras melloras no parque; en Casaldeirigo fixéronse traballos de limpeza e mantemento no entorno da capela da Saúde e do parque infantil; no CEP Xesús Ferro Couselo acondicionaronse os espazos exteriores do centro; no CEIP Baño-Xanza melloráronse as pistas de xogos; no CRA de Valga acondicionéronse patios e outros espazos escolares; en Eiras arranxouse o lavadoiro; en Ferreirós: mellorouse o parque infantil; na Gándara reparouse o parque; en Baño mellorouse a área deportiva e instalacións para a práctica do deporte; en Raxoi fíxoselimpeza e mellora de fonte e do lavadoiro; en Setecoros notouse o embelecemento da zona exterior do cemiterio parroquial; en Vilar acondicionouse o parque e o lavadoiro; e en Vilarello mellorouse o parque, a casa veciñal e o lavadoiro

Este sábado, no transcurso do acto central da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, daranse a coñecer os gañadores.

O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, un diploma e un agasallo e o segundo e terceiro clasificados recibirán os mesmos galardóns coa excepción da cantidade económica, que descenderá a 200 e 100 euros respectivamente.

As demais comisións participantes recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros.

Ademais, entregarase un premio especial de 150 euros para o grupo que realice un mellor mantemento do lugar durante todo o ano.

Na edición celebrada o ano pasado o xurado elixiu a Beiro coma o lugar máis fermoso. Nesta aldea, os veciños levaran a cabo obras de acondicionamento do parque, coa instalación de novo mobiliario e o embelecemento do entorno. O segundo clasificado foi Vilarello, onde se realizara un proxecto de mantemento do parque do lugar, do local social e o seu entorno e a limpeza de dous lavadoiros. O terceiro posto recaera en Campaña, onde un grupo de veciños fixeran obras de mellora no campo da festa e no parque infantil. En total participaran neste concurso doce lugares de Valga.