O desenvolvemento sostible, a posta en valor do patrimonio e un crecemento máis inclusivo centran o encontro con un grupo do municipio italiano de Capannori

Vedra ábrelle a porta a Europa

Intercambios europeos
Manuel Boo
O grupo realizou unha visita ó entorno da ponte de Gundián e outros puntos de interese de Vedra.

Entre o 23 e o 30 de agosto, Vedra acolle un intercambio europeo baixo a denominación de Socialia: sostibilidade, desenvolvemento e patrimonio. É un proxecto que conta co apoio financeiro do Programa Erasmus+ da Unión Europea (Mobilidade xuvenil).

Trátase dun plan de cooperación entre o Concello de Vedra, que realiza a función de entidade coordinadora, e a Comune di Capannori, na Toscana italiana, concello co que se mantén unha unión moi especial a través dun pacto de amizade que permanece vivo dende o ano 2021.

Os obxectivos xerais desta iniciativa son crear un espazo de reflexión, análise e intercambio para xerar condicións óptimas para un desenvolvemento sostible, fomentar o compromiso da xente moza para lograr un crecemento máis inclusivo nos procesos de dinamización local e na posta en valor do patrimonio, e intercambiar experiencias dos dous territorios.

Os mozos compartiron as súas vivencias no eido de diferentes áreas como a educación ambiental e patrimonial, metodoloxías de acción, coñecemento das tradicións, iniciativas de emprendemento...

Nesta experiencia están a participar un grupo de trinta mozos e mozas con idades que oscilan entre os 18 e os 25 anos.