Unha comedia de ciencia ficción, dirixida por Miguel G. Abad, gañou o premio A Fume de Carozo, dotado con mil euros e unha figura // Oito equipos participaron nun concurso express incluído na programación do LAV mov TEXTO María Rendueles

Vedra converteuse nun escenario ao aire libre co certame de curtas

Cortometrajes
María Rendueles
Os membros do xurado do certame de curtas A Fume do Carozo. Foto: Asociación Senunpeso

O concurso de curtas express A Fume de Carozo converteu o concello de Vedra nun gran escenario ao aire libre. Oito equipos formados por máis de 40 compoñentes pasaron a fin de semana do 29, 30 e 31 de outubro creando en 48 horas unha curtametraxe a partir dunhas premisas que descoñecían previamente. A primeira, debían gravar nunha localización de Vedra que lles tocou por sorteo. A segunda debía xirar arredor do concepto de retorno. O resultado foron oito curtas de gran calidade que se exhibiron este domingo na estación de tren da localidade de Santa Cruz de Ribadulla.

Así, a curtametraxe gañadora foi 42º 47’ 38.9’’ N - 8º 30’ 15.8’’ O, dirixida por Miguel G. Abad. Este estraño título correspóndese coas coordenadas da pista polideportiva de Illobre, a localización que lle tocou ao equipo formado por Teresa Fraga, Lucía Carrera, Miguel Torres, Juan Garrido, Jorge Díaz e Miguel G. Abad. Na súa segunda participación no concurso, conseguiron alzarse co premio cunha curta de ciencia ficción chea de humor, na que un rapaz agarda o regreso duns extraterrestres nas coordenadas que lle foron dadas.

O xurado valorou o sentido do humor, a calidade da filmación, a volta inesperada que lle deron ao concepto de retorno e o excelente uso que fixo o equipo da premisa de gravar na localización que lles tocou. A realizadora e gañadora da primeira edición Sara Iglesias, a guionista e xornalista Araceli Gonda e o guionista e programador cultural Javier Trigales integraron o xurado.

Tamén destacouse a calidade das outras sete pezas presentadas, realizadas por equipos nos que a dirección recaeu en Nicolás González, Yuri Salgado, María Lorenzo, Héctor Rodríguez, Juan Lorenzo, Javi SeGa e Álvaro López. As pezas abordaron o concepto de retorno desde perspectivas e xéneros moi diferentes: drama, comedia, fantasía e videopoesía, entre outros.

O equipo gañador recibiu un premio de 1.000 € e un galardón realizado por Isabel Albela, creadora de Vedra responsable da marca de deseño BOH. A súa peza homenaxea a Alice Guy, pioneira do cine. O concurso A Fume de Carozo caracterízase por non ter unha estatuíña fixa, senón que cada ano convida a un ou unha artista a crear unha peza única para esa edición.

A curta de Miguel G. Abad únese á lista de premiadas neste certame: Os Remedios de Sara Iglesias e Siro de Lucía Estévez en 2018, e O Xeneral de Carlos Prado en 2019.

Indicar que o concurso A Fume de Carozo foi só unha parte da programación da terceira edición do LAV.mov. Ao longo da fin de semana realizáronse dous obradoiros: Recolectadores de imaxes: obradoiro de found footage, impartido por Javier Trigales, e DITsPOSTo: do sensor á pantalla, impartido por Fernando Alfonsín. Ademais fixéronse dúas proxeccións: o venres exhibiuse Dhogs, presentada polo seu director, Andrés Goteira; e o sábado unha selección das curtas gañadoras no Festival de Cans 2021, presentadas polo director do festival, Alfonso Pato.

O LAV.mov está organizado pola Asociación Senunpeso, co patrocinio do Concello de Vedra e a colaboración da Asociación Papaventos, a Unitaria, o CGAI e BOH. A deste ano foi a terceira edición logo da paréntese do 2020. Este formato dá continuidade ao Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV), que se celebrou durante dez anos e polo que pasaron máis de 1.500 participantes. Esta nova versión segue sendo fiel ao espírito orixinal de ofrecer a estudantes e persoas afeccionadas a oportunidade de adquirir coñecementos no eido audiovisual.