Dixitalizou os seus fondos poñendo a disposición do público máis de 1.600 expedientes // Permite coñecer as orixes e evolución do pósito TEXTO M. Cano

Viaxe ao pasado mariñeiro da vila sonense da man da súa confraría

Cofradías
María Cano
Panorámica do peirao de Porto do Son con numerosas embarcacións en primeiro termo. Foto: Confraría San Telmo

Preservar o pasado e facelo accesible a todo o mundo. Con esas premisas botou a andar Porto do Son Mariñeiro, un escaparate virtual orientado á posta en valor do patrimonio da confraría de Porto do Son a través da dixitalización do seu arquivo. Este ofrece de forma rápida e estruturada unha gran cantidade de información a través da rede, en archivo.cofradiaportodoson.org.

Desde 1923 cando se formalizou como pósito de pescadores, foise xerando a documentación que permite coñecer as orixes e evolución da institución, e que explica os cambios do territorio e do modo de vida das xentes do mar ou mesmo a transformación dos seus oficios. A súa creación remóntase ao 15 de abril de 1923 pero non é ata o ano 1945 cando se convirte na actual confraría, xogando un papel importante no desenvolvemento da vila.

Entre os documentos máis destacados está o primeiro libro de actas da entidade, onde están rexistrados os acordos tomados polos órganos de goberno dende o 1923 a 1934. E en canto ás súas funcións máis importantes, destaca a asistencia social aos socios e ás súas familias, a ordenación da pesca, a venda do peixe, e as melloras nas embarcacións.

Uns fondos documentais formados por 1.600 expedientes recollidos en preto de 40.000 imaxes que permiten volver a vista atrás, blindar a cultura e revitalizar o patrimonio.