MOSTRA. Do 15 de xullo ao 15 de setembro exhibirán os seus produtos e bo facer palilleiras, oleiros, maquetistas, xoieiras e artesáns do liño e a palla // O teatro e a música amenizarán o museo no que se converteu a fortaleza TEXTO José Manuel Ramos

Vinte e sete anos de artesanía en vivo no castelo de Vimianzo

Artesanía
Jose Manuel Ramos
Autoridades y artistas participantes no acto inaugural da Mostra de Artesanía en Vivo. Foto: Concello de Vimianzo

O Concello de Vimianzo inaugurou este martes a XXVII Mostra de Artesanía en Vivo do castelo, coa que pretende enaltecer o valor dos produtos manufactureiros de toda a Costa da Morte. O acto estivo presidido pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o deputado provincial, José Manuel Pequeño Castro.

De darlle vida á mostra encargaranse preto de vinte artesáns desde o 15 de xullo ata o 15 de setembro, e tamén durante todo o ano as fins de semana. Oleiros da vila malpicá de Buño, un maquetista de barcos, as artesás Asociación de Amigos do Liño de Galicia, a asociación de Palilleiras As Nemanquiñas de Vimianzo; a artesanía en prata e soprado de vidro, a asociación de Veciños o Santiaguiño de Carreira de Zas e a artesanía do trenzado da palla deBaíñas volverán a amosar o seu bo facer e a exhibir os seus produtos na fortaleza da capital de Soneira. Tamén a asociación Aspadex, de Cee, conta cun posto de venda das creacións dos seus usuarios.

Ademais, ao longo do verán, a fortaleza da capital de Soneira fará partícipes aos visitantes que se acheguen a visitar a exposición artesanal, xa que o Concello programou para os meses de xullo e agosto un fiadeiro, obradoiros de olería e maquetación para aprender a elaborar barcos e nasas, talleres de encadernación e de soplado de vidro, unha panillada, e outras actividades para tecer o liño ou a palla.

O acto inaugural contou con varias actuacións musicais, a cargo do grupo de gaitas Trubisquiña e o dúo Queimán e Andrea Pousa. Ademais, houbo unha representación teatral a cargo da compañía Os Quinquilláns, que se encarga tamén das recreacións históricas que se organizarán no verán no marco das visitas guiadas ao castelo.

A mostra artesanal é, dende hai vinte e sete anos, un dos referentes turísticos da Costa da Morte, xa que conseguíu transformar o castelo nun museo vivo polo que cada ano pasan milleiros de visitantes chegados de moi diversos puntos de España e tamén do extranxeiro.

Durante a tempada de verán poderá visitarse de martes a domingo, de 10.30 a 14.00 e 16.00 a 20.30 horas. O luns está pechado o castelo.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, deu a benvida aos asistentes ao castelo, ao que definiu como “o emblema do noso pobo, polo que nos coñecen en todo o mundo”. Un lugar máxico, engadiu, “que non podería brilar sen todas e cada unha das persoas que aquí amosan o seu arte”. Dirixiuse aos artesáns e artesás para dicirlles: “Sodes únicos e facedes único este lugar”, ao tempo que lle agradeceu o seu esforzo durante este tempo de pandemia.

“Sodes a parte primordial para que este lugar teña algo que non posúe ningún outro en toda a contorna”, concluíu.

PENDÓN. Previamente á inauguración da mostra, a rexedora, que estivo acompañada polos alcaldes de Zas, Dumbría e Corcubión e súa homóloga de Camariñas, ademais de concelleiros do grupo de goberno, presidiu a baixada do Pendón, un acto que marca cada ano o comezo das actividades do Asalto ao Castelo, unha recreación histórica que este ano tampouco se poderá celebrar, aínda que haberá algunhas actividades para lembrar as revoltas Irmandiñas.