Volven encher de actividades potentes as bibliotecas amesás

Programouse o contacontos ‘Coma gatos e ratos’ e tamén o obradoiro Excelentes mulleres científicas neste mes // Tratan de achegar a literatura a adultos e cativos
Hábitos de lectura
M. Manteiga
Rapaces e adultos compartindo instalacións nunha das bibliotecas municipais de Ames este mesmo ano. Foto: BMA

As bibliotecas de Ames inclúen dúas propostas durante este mes de novembro. A primeira, Coma gatos e ratos, consiste nunha sesión de contacontos pensada para nenos dos 3 aos 8 anos. E tamén está Excelentes mulleres científicas, un obradoiro co gallo do Mes da Ciencia en Galego para a rapazada dende 3º ata 6º de Primaria. Ambas actividades repetiranse nos locais do Milladoiro e de Bertamiráns, cos seus respectivos horarios.

E aínda que o prazo para reservar praza nas primeiras sesións de animación á lectura –hai aforo limitado– a celebrar estes días rematou no departamento de Bibliotecas de Ames (a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal), pódese consultar se hai sitio falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir. Para a do Milladoiro, o número facilitado é o 981 530 807, mentres que para a de Bertamiráns é o 981 884 829.

DATAS. Coma gatos e ratos é un contacontos pensado para a rapazada dende os 3 aos 8 anos que contará con tres paradas en cada unha das dúas bibliotecas do concello: estará no Milladoiro os días 2, 3 e 4 de novembro e en Bertamiráns, os días 16, 17 e 18, a partir das 17.30 horas.

E a asistencia a Excelentes mulleres científicas, taller dirixido a alumnos de 3º a 6º de Primaria, pódese tramitar entre os días 8 e 17 deste mes. O taller celebrarase no Milladoiro, o venres 19 de novembro ás 17.30 horas, e en Bertamiráns, o vindeiro sábado 20, a partir das 11.00 horas.