A quén queres enganar, Quinteiro?

Firma
Un abonado da SD

SON DE SANTIAGO e seguidor e abonado da Sociedade Deportiva Compostela dende hai máis de 30 anos. O Compos abríume a porta do fútbol en Santa Isabel e fixo o meu corazón azul e branco. O Compos é algo máis cun club de fútbol, é un sentimento e un símbolo de Santiago e de toda Galiza.

Hai moitas razóns profesionais e persoais que me permitiron dende sempre ter información de primeira man do día a día do club, e toda esa información fai que hoxe poida ter unha opinión sobre o momento polo que pasa o meu Compos.

Hai xa 15 anos que Don José María, o gran Caneda, decidiu retomar a presidencia unha vez liquidada a SAD que tan felices nos fixo. Naquel momento non entendín por que non se construía un club de fútbol do pobo, ao estilo do que se fixo en Salamanca ou en Ourense con posterioridade, se ben coñecendo ao presi non me sorprendeu e por cuestións de lembranza todos o aceptamos sen rechistar. Caneda mandaba e fixo un club, de novo, duns poucos que parecía razoable nuns intres difíciles de reconstrución e de renacemento.

Cando don José María non podía máis e voltaron as débedas e os impagos apareceu un mesías, un mesías salvador con carto fresco procedente do outro lado do charco. Todos aplaudimos aquela operación, barata polo que significaba o Compos, pero moi cara para todos aqueles que non temos posibilidades financeiras para afrontar estas situacións.

A operación foi sinxela, e pagaches todo aquelo que Caneda deixou sen pagar, e compraches a marca, creo que foron 3.000 euros os que pagaches por ela, e pagaches débedas con xogadores, federación e algunha outra. Gastaches sobre catrocentos mil euros e por elo debemos estar agradecidos, e baixo o meu punto de vista esta é a débeda que o club podería ter contigo. Por certo, estaría ben que aclarases quen pagou o crédito que o club tiña no Banco Popular.

E neses intres empezou o dispendio, xogadores, adestradores, viaxes, etc Ata chegaches a pagar a unha televisión local para que retransmitiran os partidos; alí pagábase de todo, e todo baixo a túa tutela, sen control ningún e coa soberbia propia dos poderosos. Iso sí, transparencia cero, e o único que coñecías as contas eras ti. A quen lle podes pedir contas dos teus dispendios, a quen queres enganar se ti poñías os cartos e os gastabas sen control ningún.

Entre 2011 e 2016 non hai ningún dato dos orzamentos do club e non existe ningún dato que acredite ese suposto déficit que ti víaste obrigado a cubrir. Ti non tiñas permiso nin a aprobación de ninguén para endebedar ao club neses 3 millóns de euros dos que falas. Como se che vai pagar por algo que ti gastaches ao teu antollo e que se fixo sen control algún e do que xamais quixeches dar conta a ninguén.

No canto da marca, insisto que che custou sobre 3.000 euros, e ti cediches de xeito voluntario ao club por tempo indefinido, e agora tratas de recuperar ás bravas, supoño que estarás disposto a abonar ao club os danos que lle ocasione esta pérdida da marca. Disto non falas, pero posto nunha balanza está moi clariño que posiblemente sexas ti o que lle teña que pagar ao club varios centos de miles de euros polos danos causados se lle retiras a marca.

Ti non queres ao club. Recordo algunha frase túa que podería pasar á historia do deporte nunha cidade como Santiago. Afirmacións como “o Compos pode vivir sen os seus abonados”, “a afección dáme igual, os cartos os poño eu”, “o día que me canse disolvo o club”, eran habituais na túa etapa de presidente. Recordo que o pasado mes de xuño entereime que deras a orde de non inscribir ao club na Segunda Federación e que disolverías o club salvo que a actual xunta directiva seguira ao fronte para ti poder reclamar o que che petase. Non me colleu de sorpresa, porque o teu único obxectivo é lucrarte a través do Compos, que non se pode vender mal que che pese.

E como non podes vender o club, tratas de vender unha débeda que ti mesmo xeraches, e ao mesmo tempo tratas de esquivar á facenda pública aforrando impostos. A quen queres enganar Quinteiro. Por que agora tratas de meter ao Compos no medio da venta dun concesionario de coches da túa propiedade. Que trapallada tratas de facer, que imposto tratas de esquivar.

Vou rematando. Quero recordar o último que souben de ti. Unha frase lapidaria que che define como persoa e como expresidente: “el equipo y la afección me dan igual, sólo me preocupa que me paguen lo que pido. El equipo de esta temporada va a descender porque con este entrenador no vamos a ningún lado y yo tengo que cobrar ese dinero cuanto antes” Quinteiro dixit. A quen queres enganar.

UN ABONADO DA S.D.