Aberto o prazo do Plan de patrocinio de equipos de alta competición

Deporte
Redacción ECG
Pola esquerda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo; e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. Foto: Xunta

XUNTA O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado xoves o anuncio do Plan de patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia correspondente ao ano 2021, polo que os conxuntos invitados xa poden tramitar as súas solicitudes por vía telemática.

Desta vez son un total de 238 os equipos invitados a tomar parte no proxecto. Deles, 129 son masculinos, 102 femininos e 7 son de carácter mixto.

As solicitudes deben presentarse unicamente a través de medios telemáticos, no formulario presente na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo máximo será de sete días naturais desde a recepción da invitación, isto é, ata o vindeiro xoves.

O orzamento nesta ocasión é de 3,15 millóns de euros, malia que no ano 2022 chegarase aos 3,9 millóns coa aportación de Abanca e Turismo de Galicia. ECG