Aprobado o proxecto de decreto para o deporte de alto nivel

Adestradores e árbitros tamén obterán a condición DGAN
Deporte Galego de Alto Nivel
ALEJANDRO LÓPEZSantiago
DGAN Gómez Noya, María Vilas, María Bernabéu e Nico Rdguez. Foto: José Luiz Oubiña/Secretaría Xeral

O Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base en Galicia, que será remitido ao Consello Consultivo de Galicia para os efectos do seu sometemento a ditame. O supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas da comunidade conta cun prazo dun mes para elaborar este informe como paso previo a súa aprobación e publicación definitiva.

O novo texto actualizará o Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro xa que, ademais dos deportistas, os técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, poderán obter tamén o recoñecemento de alto nivel.

Regulará o deporte de alto nivel de Galicia -práctica deportiva de interese para a comunidade autónoma polo estímulo que supón para o fomento do deporte base, pola súa función representativa de Galicia nas competicións deportivas oficiais do máximo nivel, nacional e internacional, e por estar dirixida á obtención dos máximos resultados- . Como principal novidade regulará tamén o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base.

O novo decreto establece asemade o catálogo de dereitos e obrigas dos axentes deportivos recoñecidos nas distintas categorías como dereitos de carácter educativo, laboral ou económico.

Tamén se regulará dentro deste novo texto o recoñecemento dos centros de alto nivel e os núcleos de adestramento especializado e ademais, como un dos puntos de meirande importancia, a creación da Oficina de Atención ao Deportista.

COLABORADORES CGTD. a xunta publica unha nova convocatoria para conceder 6 prazas de colaboradores -3 homes e 3 mulleres- no centro galego de tecnificación deportiva. Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar

A vindeira semana publicarase unha nova convocatoria, neste caso a das prazas para os e as deportistas do centro da excelencia deportiva de Galicia, o CGTD.