Castrelo de Miño acolle as escolas de vela e a regata Copa Optimist

Desde hoxe, xunta sesenta embarcacións con participantes de entre 7 e 14 anos
Vela
El Correo Gallego
Segundo pola esquerda, o vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, e outros protagonistas. F.: G.

Santiago. Sesenta embarcacións chegadas de toda a comunidade galega participarán desde hoxe ata o sábado na XXIV Concentración de Escolas de Vela e maila regata Copa Deputación da clase Optimist, que se celebrará no Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño.

É unha actividade de convivencia e competición que foi presentada onte no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; e a presidenta e o director técnico do Club Náutico deste concello, Beatriz Alberte e Gabriel Fernández.

Rosendo Fernández felicitouse por unha nova actividade que pon de manifesto “a permanente aposta da Deputación pola náutica, no marco dese ecosistema deportivo que aproveita os nosos excelentes recursos naturais para competicións de primeiro nivel”. Nesta ocasión, engadiu, “a vela deixa de ser un deporte de litoral para converterse nun auténtico deporte de interior, grazas ao gran traballo que desenvolve o Club Náutico de Castrelo de Miño”.

Ten o apoio da Real Federación Galega de Vela. Participarán 60 embarcacións tripuladas por regatistas de entre 7 e 14 anos procedentes de dez clubs galegos. redacción