Eduardo Iglesias e Galicia, no escaparate mundial do Dakar

A Secretaría Xeral para o Deporte e Galicia Calidade patrocinan ao piloto monfortino ante a súa segunda participación na proba
Motor
Martín Castro
ILUSIÓN O monfortino Eduardo Iglesias, entre Alfonso Cabaleiro e José Ramón Lete no acto de onte no Gaiás. Foto: Xunta

Galicia estará de novo moi presente no Rali Dakar. Unha das probas automobilísticas máis complicadas e perigosas do panorama mundial terá presenza galega, como exemplifica o piloto monfortino Eduardo Iglesias, que tomará a saída na competición de motos por segundo ano consecutivo grazas ao patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte e de Galicia Calidade.

Calidade é a que ten o propio Iglesias. Só así, polo seu talento pero tamén grazas ao traballo, esforzo e perseverancia, explícase o seu gran papel na edición de 2020 na que se impuxo o estadounidense Ricky Brabec. Se terminar xa se pode cualificar como unha heroicidade, facelo entre os cen primeiros multiplica o mérito. O piloto monfortino tentará repetir ese éxito nunha edición que retornará a Arabia Saudí, desta vez do 3 ao 15 de xaneiro do vindeiro 2021. Na súa primeira participación, hai dez meses, Iglesias tamén estivo patrocinado pola Xunta.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, presentaron onte na Cidade da Cultura o acordo para respaldar a participación de Iglesias no vindeiro Dakar, a través de senllos contratos que patrocinarán as accións promocionais do Club Team Monforte Rally.

Con este acordo, os logotipos da Xunta de Galicia, Xacobeo, Deporte Galego e Galicia Calidade estarán presentes na moto de Eduardo Iglesias e, polo tanto, poderán chegar aos máis de 200 millóns de telespectadores que seguen esta proba cada ano. Un escaparate de escala planetaria.

No Gaiás, Lete Lasa destacou “a xesta de Eduardo de principios de ano baseada no esforzo, o sacrificio e a constancia e que ten moito que ver cos tempos que corren”. O secretario xeral para o Deporte puxo como exemplo ao monfortino: “Eduardo Iglesias triunfou no seu primeiro Dakar e non teño dúbida que o Deporte Galego e toda Galicia tamén triunfarán na súa loita contra a pandemia”.

Cabaleiro lembrou que Iglesias será o único motorista galego na proba e indicou que “Galicia Calidade certifica produtos e servizos galegos pola súa procedencia e pola súa calidade, e tamén é un selo que se pode estender a Eduardo polo feito de ser galego e polo protagonismo que vai ter nunha das probas máis duras do motor”.