Enxalza Lete ao ‘promotor de exercicio físico e saúde’

política deportiva
El Correo Gallego

Santiago. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañou na última xornada do curso A figura do promotor de exercicio e saúde en concellos galegos a unha vintena de técnicos deportivos locais que se están formando nesta actividade levada a cabo pola Fundación Deporte Galego. Alí, enxalzou a figura do promotor “por ser os nosos socios máis importantes na prescrición de actividade física en todos os rangos de idade da nosa poboación” e o enlace directo cos cidadáns “para acadar esa sociedade activa e saudable que tanto desexamos”.

Dentro dos contidos que se impartiron ao longo de tres días na Escola Galega de Administración Pública (27, 28 e 29 de abril), Lete destacou, por unha banda, “a prescrición do exercicio para maiores”, e lembrou como en 2021, a ferramenta DAFIS, destinada a tomar valoracións da actividade física e da saúde dos nenos galegos para establecer programas adecuados que contribúan á mellora da súa saúde, desenvolverá “un proxecto para a prescrición de exercicio en persoas maiores de 60 anos desde os centros de saúde, seguindo as directrices da OMS e no que colaborará a Consellería de Política Social”, dixo. ECG