Eva Castro, de Oleiros, a nova seleccionadora de Descenso e Enduro

Ciclismo
Redacción ECG
RELEVO. Esteban Lorenzo e Eva Castro. Foto: Coclismo Galego

CICLISMO. Unha das mellores ciclistas galegas de todos os tempos, Eva Castro, incorpórase ao cadro técnico da Federación Galega de Ciclismo. “Os Reis Magos trouxeron un agasallo moi especial para o ciclismo galego”, sinala a entidade na súa nota de prensa ata este xornal.. Unha deportista pioneira únese ao cadro técnico da Selección de Galicia. Eva Castro (Oleiros, 1977) toma a remuda de Esteban Lorenzo á fronte dos combinados de Descenso e Enduro. A nova responsable das especialidades gravity da Selección de Breogán é unha das mellores corredoras autonómicas de todos os tempos.

No seu extenso palmarés destacan as medallas de bronce acadadas no Campionato de Europa de 4X no 2006 e na Copa do Mundo de 4X do 2007 celebrada en Vigo. Dez veces campioa de España de 4X e Dual, a nivel estatal tamén conquistou o Open de Descenso no 2011 e o Campionato de Enduro do 2013. A nova seleccionadora de DH-Enduro ocupará o posto que durante os últimos anos correspondeu a Esteban Lorenzo, a quen a FCG agradece a súa dedicación durante unha etapa cargada de éxitos para o BTT galego, área que ven de medrar e que deste xeito entra agora nunha nova etapa dentro desta federación tan coral. redacción