Final de baloncesto 3x3 este sábado cun premio de dous mil euros para os gañadores

A praza de Área Central será o escenario dos partidos
do peche do circuito que
fai a Federación Galega
El Correo Gallego

Santiago. A nova competición 3×3 da Federación Galega de Baloncesto chega a Santiago de Compostela para a celebración da súa gran Final. Este sábado, 25 de xuño; o Circuíto 3×3 da Federación Galega de Baloncesto convertirase en protagonista na Praza exterior do Centro Comercial Área Central. Dúas pistas de Baloncesto 3x3 instaladas para a ocasión acollerán esta serie decisiva, que virá tamén acompañada da ambientación de Djs e de Música en directo cun concerto gratuíto (18:30 h) do artista galego de música urbana O Pirata.

Esta parada en Santiago da Final do circuíto 3x3 da Federación Galega de Baloncesto (FGB) estará conformada por 14 equipos integrados por xogadores e xogadoras nadas en 2005 e tamén en anos anteriores.

A xornada de xogo estenderase durante todo o día, en quendas de mañá e tarde para, tras as eliminatorias, coñecer ao campión de Serie no encontro final marcado para as 20:30 horas.

Un representante de cada equipo terá tamén a oportunidade de participar nun Concurso de Tiro que porá en xogo a súa habilidade ante a canastra

A Serie Final do 3×3 desta cita da FGB “contará con importantes premios en metálico para os seus catro mellores equipos”, salientan na nota de prensa da Federación Galega de Baloncesto. Un total de 2000 €, recaerá no equipo campión abrindo así un palmarés que se completa cos seguintes recoñecementos: SubCampión Final: 1000 € e equipos semifinalistas: 300 €. REDACCIÓN