Lete aposta por unha trintena de olímpicos e paralímpicos galegos

Publicadas no DOG as axudas aos deportistas dos Xogos, que disporán de 300.000 euros
política deportiva
Redacción ECG
José Ramón Lete. Foto: Xunta

Santiago. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comentou na TVG as opcións dos distintos galegos e galegas para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Toquio, ao fío do éxito da padexeira Antía Jácome no C1 200 metros. Lete asegurou que os olímpicos galegos poden superar a vintena (agora son 18 os clasificados) mentres que os paralímpicos acadan a cifra dos 11, polo que o número de galegos que acuda aos Xogos superará, probablemente, a trintena.

Tanto olímpicos como paralímpicos serán os beneficiarios das Axudas Reto Galicia-Tokyo con Igualdade 2021, publicadas este xoves no Diario Oficial de Galicia e cuxo prazo de presentación vai 2 de xullo ao 30 de setembro.

Estas axudas insírense no ámbito do acordo de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte, para desenvolver medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Os deportistas galegos olímpicos e paralímpicos participarán na difusión do deporte programadas pola Secretaría Xeral e a Fundación Deporte Galego, e no programa Reto 365 pola Igualdade.

Hay catro tipos de axudas: Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokyo 1, para deportistas que participaron en catro ou máis edicións dos Xogos ou obtiveron medalla (10.000 euros); Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokyo 2, participantes en tres ou menos Xogos e sen medalla (8.000 €); Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokyo 3, para os que non teñan participado; e Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokyo Deporte Adaptado, para os que compitan como apoio ou guía de deportistas paralímpicos (o 50% da axuda). ECG