Lete Lasa e Sofía Toro impulsan a industria deportiva de Galicia

Xuntanza entre o secretario xeral e a campioa olímpica, nova xerente do Clúster
política deportiva
ECG
Miguel Valín (esquerda), Lete Lasa e Sofía Toro. Foto: S. E.

O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, vén de manter unha xuntanza de traballo coa campioa olímpica de Elliot 6 metros nos Xogos de Londres, Sofía Toro, na súa condición de nova xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, que estivo acompañada polo presidente da entidade, Miguel Valín.

Este primeiro encontro entre o secretario xeral e a xerente do Clúster representa un novo paso dun traballo intenso que tivo o seu inicio neste 2021 coa constitución do Clúster e significa un importante fito de cara a profesionalización da entidade.

Nas verbas do mandatario galego, “estamos no momento axeitado para reivindicar a industria do deporte e para sacar peito da nosa fortaleza, pois o deporte galego ten un importante peso na economía galega e estamos ante o momento de visibilizalo”.

UNIÓN. O secretario xeral e a xerente do Clúster coincidiron nos obxectivos fundamentais da entidade como impulsar a posta en marcha de servizos innovadores, de calidade e sostibles; deseñar grandes proxectos sectoriais; fomentar a transferencia de coñecemento; propiciar a colaboración público-privada e a posta en marcha de instrumentos de financiamento; crear postos de traballo; fomentar a captación de investimentos; favorecer a internacionalización; proporcionar recursos, formación e asesoramento: así como fomentar hábitos saudables.

O deporte galego representa o 2,5% do PIB de Galicia, cun volume anual de negocio que ronda os 1.600 millóns, e que xera arredor de 12.000 postos de traballo.

Sofía Toro e Miguel Valín trasladaron a situación actual do Clúster e a visión e inquedanzas do global da industria galega do deporte. “Iniciamos un período de moita actividade no que queremos dar un forte impulso á industria do deporte, queremos trasladar ao conxunto da sociedade a enorme relevancia social e económica que temos desde fai anos e amosar as potencialidades do sector no futuro de Galicia”, salientou Sofía Toro.

O encontro rematou co compromiso común de colaborar en proxectos e eventos futuros que sirvan para darlle ao deportegalego o impulso que está a demandar.