Mal día para o Obra Silleda que encaixou a súa primeira derrota en León

As baixas porcentaxes no tiro foron un lastre dende o inicio para o cadro de Denís Pombar
Obradoiro-Silleda
Redacción ECG
O plantel do Obradoiro Silleda antes do inicio dun encontro. Foto: Obradoiro

Santiago. Na oitava xornada chegou a primeira derrota para o Obradoiro Silleda da Liga EBA. O conxunto de Denís Pombar nunca se sentiu cómodo no Pavillón dos Deportes de León e dende o inicio, o ULE Basket impuxo unha marcha máis no seu xogo (91-75).

Arrincou o partido cunha alta velocidade, cos dous conxuntos tomando cada tiro aberto pero nesta batalla saíu mal parado o filial que acusou as baixas porcentaxes no seu lanzamento. Co paso dos minutos deu o anfitrión un paso adiante tamén en dureza e intensidade superando ao Obradoiro en aspectos como o rebote ou as transicións (57-35, min. 20).

Tras o paso polos vestiarios, o cadro visitante saíu decidido a darlle a volta ao encontro, colapsando o ataque local dende o primeiro minuto. Aos poucos, foi recortando a desvantaxe no marcador. Pero resistiuse o cadro leonés, que chegou ao último cuarto con 8 puntos de vantaxe no marcador, una renta que foi ampliando ao aproveitarse tanto da falta de acerto nos tiros abertos e desde o tiro libre en momentos claves do Obradoiro, xunto ao seu dominio do rebote.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: Nilo Barreiro (11), B. A Nongo (2), C. Hernández (2), M. Souto (1), M. López (6), C. Taboada (-), Sergi Huguet (25), M. Paz (-), Javi Cal (14), F. Belo (-), Santi Paz (5) e Guillermo González (9). Os parciais por cuartos do encontro foron: 23-18, 34-17, 11-25 e 23-15.

A seguinte cita do Obra será ante o Betanzos. ecg