Manténse o importe das axudas para a adquisición de equipamentos

A Xunta repite os 700.000 euros cos que se poden adquirir materiais anti COVID
Polideportivo
El Correo Gallego
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, nunha entrega de material. Foto: Xunta

Santiago. O Diario Oficial de Galicia publica onte a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. O crédito orzamentario destas axudas volverá acadar os 700.000 euros, como no caso do exercicio de 2020.

Este anuncio realízase unha semana despois da aprobación polo Consello da Xunta dos convenios de colaboración coas federacións galegas que tamén manteñen o seu importe de 2020 e o máis elevado da serie histórica desde 2011 sendo este de 4,4 millóns de euros. 

A liña de axudas recolle por vez primeira a posibilidade de adquirir equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva como consecuencia da COVID-19.

4,4 millóns da Deputación. A Deputación da Coruña aumenta neste 2021 a súa aposta polo fomento do deporte na provincia ao destinar 4,4 millóns de euros para apoiar a concellos, entidades e clubs, un investimento que supón un crecemento de 350.000 euros con respecto ao consignado no pasado exercicio para o mesmo fin.

Nesta partida se atenden á situación sanitaria, pois as bases reguladoras das seis convocatorias inclúen no apartado de gastos subvencionables a compra de material para a realización da actividade relacionado coa COVID-19. ecg