Novos grupos na Preferente e idea de comezar o 29-N

Presentou a RFGF aos clubes o seu proxecto, pendente do protocolo da Xunta e a pandemia
Fútbol
Esteban Márquez
Rafael Louzán, na xuntanza do mércores. Foto: RFGF

A Real Federación Gallega de Fútbol (RFGF) presentou o mércores, nunha reunión presencial na sede federativa de Santiago de Compostela, unha proposta aos 46 clubs da Preferente Galicia para comezar o campionato ligueiro o próximo 29 de novembro, sempre supeditado á aprobación por parte da Xunta de Galicia do protocolo que presentará a RFGF, á evolución da pandemia e sempre seguindo as indicacións das autoridades sanitarias. A RFGF confía en ter aprobado o protocolo a mediados deste mes para que así os equipos poidan ter esa marxe de seis semanas de pretempada.

A Comisión Deportiva da RFGF presentou aos clubs da categoría un novo formato de competición, adaptado ao novo escenario motivado pola covid-19, xa que a primeira opción presentada resulta imposible de levar á práctica por falta de tempo. O inicio previsto no primeiro formato, o día 1 de novmebro, xa non se ía poder cumprir, polo que este formato remodelado, con máis subgrupos na zona norte e na zona sur, estímase que é de máis probable cumprimento, deixando máis datas libres para o caso de que, como se agarda, cheguen numerosas suspensións de encontros.

O novo formato, que foi aprobado pola maioría, contaría con tres subgrupos tanto na Zona Norte como na Zona Sur. Os Grupos A e B tanto do Norte como do Sur estarían formados por 8 equipos, mentres que o Grupo C tería 7 equipos.

O grupo A da Zona Norte estaría integrado por oito equipos da zona da Coruña, Ferrolterra e comarca de Bergantiños; o grupo B tamén estaría composto por oito clubs, neste caso da zona de Santiago, A Costa e O Barbanza; e o Grupo C tería sete equipos da provincia de Lugo.

Na Preferente Sur tamén haberá tres grupos: dous de oito equipos (o grupo A da zona de Pontevedra e o grupo B da zona de Vigo máis o Moaña) e un de sete (grupo C), onde participarán os equipos ourensáns e o Caselas, que quedou encadrado neste Grupo C segundo os criterios establecidos pola RFGF (o primeiro, xeográfico; e o segundo, ao tratarse dun recén ascendido á categoría).

Deste xeito, os calendarios de todos os grupos son homoxéneos. E repítese que daría tempo a rematar a competición, deixando datas libres prevendo o caso de que cheguen as suspensións provocadas polo covid.

MODELO. Cada un destes subgrupos, tanto da Preferente Norte como da Preferente Sur, disputaría unha primeira fase a dobre volta (14 xornadas nos Grupos A e B e 12 no C, todos fronte a todos en modelo liguilla) e os dous primeiros clasificados lograrían o billete para loitar polo ascenso na segunda fase. O resto de equipos pelexarían por evitar o descenso.

Os clubs non empezarían a segunda fase con cero puntos, senón que a súa posición e puntuación dependerían da clasificación obtida na primeira fase. Finalmente, os dous primeiros clasificados da fase de ascenso subirían a Terceira, mentres que catro equipos descenderían a Primeira Galicia.

Nesa loita polo descenso establécense tres grupos, descendendo os tres últimos de cada grupo e un cuarto que se decidiría por criterio de deportividade entre os penúltimos dos dous subgrupos que teñen seis equipos.