O taekwondo galego suma dos ouros e un bronce en Bulgaria

Iván García, Tania Castiñeira e Alma Pérez sobresaen no podio na proba Open de Sofía
Rosa Cano
equipo. Pablo Patiño, Alma Pérez e máis Tania Castiñeira. Na dereita: Iván García, Jesús Benito e Arlet Ortiz. Foto: G.

“Magnífica foi a actuación do taekwondo galego no Open de Sofía (G2)”, dese xeito fala a federación galega desa proba que se celebrou hai días en Bulgaria. Iván García (+87, Mat´s) e Alma Pérez (-53, Suh Sport) acadaron a medalla de ouro, mentres que Tania Castiñeira (+73, Hebe) logrou o bronce.

Ademais, hai que destacar que Pablo Patiño (-68, patiño) e Arlet Ortiz (-57, Mat´s) quedaron á beira das medallas, ao caer nos cuartos de final. Alma Pérez (-53, Suh Sport) fixo cinco combates para acadar o título.

No primeiro combate enfrontouse a unha descoñecida Elif Stoyanov (Austria), á que superou con claridade (0-17). A continuación esperaba a romanesa Liana Musteata, “unha competidora cun gran curriculum” (subcampioa de Europa e reserva no preolímpico europeo), pero outra vez Alma estivo a un gran nivel na pista e venceu por 3-1.

Nos cuartos de final, a galega venceu a Daniela Souza (México) por 3-7, e así logrou a clasificación para as semifinais. Na semi enfrontouse a Laura Rodríguez, de Castela a Mancha, que é a súa rival directa en España e foi unha loita moi axustada que rematou con empate (3-3) e que se decidiu no punto de ouro a favor da nosa deportista.

A final foi contra outra mexicana Fabiola Villegas e volveron ofrecer un combate axustado que se decidiu, igual que a semifinal, no punto de ouro a favor de Alma.

Iván García logrou o ouro no peso pesado, no que se notou a ausencia dos deportistas rusos, de forma que só participaron 8 deportistas e Iván fixo tres combates para acadar a primeira posición.

Nos cuartos desta cita internacional en Sofía, superou a Partik Divokovic (Eslovenia), “un vello coñecido de Iván, co que xa competira antes e incluso adestrara.

O competidor galego foi moi superior nun cómodo combate (18-7). Na semifinal gañou ao serbio Mitar Maklenovic e na final esperaba o actual subcampión olímpico Dejan Georgieski (Macedonia) e Iván acadou o éxito (12-7) e con este novo Open e os 20 puntos sumados, xa colocouse entre os 16 primeiros do ranking olímpico.