Paz e Peón gañan
o III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Éxito na proba celebrada o pasado domingo en Ames e na que se inscribiron 343 deportistas
Trail
Esteban Márquez
SAÍDA Os participantes no trail, no punto de partida na fermosa Ponte Maceira Foto: S. E.

O pasado domingo 20 de febreiro celebrouse a terceira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, na que se inscribiron 343persoas. Lucía Peón, do club Azerbañan, cun tempo de 1:30:23, foi a vencedora absoluta feminina, mentres que o primeiro posto masculino foi para Daniel Paz, do Club Deportivo Brión Hyupersa, que cunha marca de 1:09:01 revalidou a súa vitoria na primeira edición da proba, celebrada en 2019.

O club gañador foi o C.A. Cambados-Seguros Noval, que colocou seis corredores no top 20 (puntuación de 60) e que tamén repite a vitoria da pasada edición.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizaron esta proba, que que arrincou ás 10:00 horas en Ponte Maceira. Dende alí, os corredores do trail afrontaron un percorrido de 15,2 quilómetros ata as instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro. Cinco minutos despois comezou a proba para os inscritos e inscritas na andaina, que tivo unha ruta duns 14,2 quilómetros.

Na categoría masculina, completaron o podio Borja Varela, cun tempo de 1:11:05, e Javier de Dios, cunha marca de 1:11:52. Mentres, na feminina, Elena Veres, do Compostela Atletismo, rematou segunda e Silvia Fajín terceira,chegando ambas nun tempo de 1:35:17.

En clubs, o CD Brión Hyupersa foi segundo, con 88 puntos, mentres que xa máis afastado quedou en terceira posición o SD Compostela Atletismo, con 269.

A entrega de premios tivo lugar na parroquia de Piñeiro, nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, onde finalizou a proba. Alí acudiron representantes do Goberno local e de varios grupos da Corporación, como PP ou Ames Novo. Recibiron galardóns os tres primeiros clasificados de cada categoría e os tres primeiros clubs da clasificación do trail.

Os cinco primeiros equipos recibiron tamén unha dotación económica de 150, 125, 100, 75 e 50 euros. Todas as persoas participantes recibiron un agasallo técnico.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, que participou na andaina xunto a outros membros do Goberno, agradeceu a participación “de todos os deportistas e entidades que colaboraron para que a proba fose un éxito. Ponte Maceira encheuse dun gran ambiente deportivo. Espero que moitos dos participantes que non coñecían esta parte do noso concello gozaran do percorrido”, engadiu.