Peleteiro e Arévalo, entre os bolseiros da Deputación

Deporte
Redacción ECG
A ribeirense Ana Peleteiro, co seu bronce nos Xogos. Foto: Ricardo Rubio

Santiago. A Deputación da Coruña anunciou onte a concesión das 45 bolsas para deportistas da provincia por valor de 3500 euros cada unha, ás que optan aqueles que destaquen en competicións federadas de nivel rexional, nacional ou internacional. O importe total é de 157 500 euros.

Entre os beneficiarios hai protagonistas dos Xogos Olímpicos de Tokio como os medallistas Ana Peleteiro e Carlos Arévalo, ademais de Belén Toimil, Dani Castro e Caetano Horta.

“Ademais de premiar o esforzo e a excelencia dos deportistas coruñeses, a Deputación quere colaborar con elas e eles para que podan desenvolver todo o seu potencial, ter acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel”, sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. A deputada de Deportes, Cristina Capelán, enfatizou a súa importancia “para apoiar o seu traballo diario”.

As bolsas creceron nos últimos anos de 30 unidades de 2500 euros a 45 de 3500, e ampliouse o rango de idades. ECG