Torrelavega acollerá dende hoxe o Campionato de España de ciclocrós

Ciclismo
El Correo Gallego
Saúl López, do C.C. Maceda, competirá coa camisola da delegación autonómica na proba elite masculina. Foto: C.C. Maceda

Santiago. Tras dous anos exercendo Pontevedra como anfitrioa, a selección de Galicia disputará o Campionato de España de Ciclocrós 2021 dende hoxe en Torrelavega, a onde viaxa o combinado autonómico cun numeroso e potente bloque formado por 34 ciclistas. O obxectivo será dar continuidade aos excelentes resultados asinados nas últimas edicións.

O conxunto dirixido por Guillermo Sande acadou once medallas hai un ano no circuíto da Illa das Esculturas, pero as condicións nesta ocasión serán distintas por mor da pandemia. En Torrelavega non haberá público e a programación das carreiras tamén se adapta ás esixencias sanitarias, con tres días de probas individuais en vez de dous.

A selección conta con varias bazas nesta primeira xornada. Ás 14.00 horas a categoría cadete masculina abre a cita e nela defenderán as cores de Galicia cinco corredores: André Martínez e Martín Sestelo (Avanza-O Porriño), Danny Buba (Coruxo), Héctor García (Poio Bike) e Tomás Pombo (Cambre). Ás 15.00 horas, chegará a quenda de dúas probas femininas: a cadete e a masters. A programación do primeiro día en Torrelavega pecharase (16.00 horas) cos júniors.

A xornada de mañá sábado está reservada aos masters masculinos, a e do domingo a sub-23, elite-sub23 e a proba elite masculina. ecg