Visto e prace da Xunta para comezar a retirada da máscara no deporte

Protocolo Covid-19
Redacción ECG
Rosalía e Peleteiro da categoría júnior masculina de baloncesto, en maio. Foto: F. Blanco

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, comunicou este xoves o seu visto e prace para que a máscara poida deixar de ser obrigatoria no deporte federado para os maiores de doce anos, polo que a mantén como necesaria na actividade que involucra aos menores desa idade.

Así, precisamente no día no que a Xunta comunicou a fin da situación de emerxencia sanitaria, o organismo que manda no deporte autonómico anunciou un paso máis na volta á normalidade en medio da pandemia de covid-19. Agora serán as propias federacións ou os organizadores de competicións deportivas os que envíen á Secretaría as súas propostas para modificar os protocolos vixentes a partir do FISICOVID-DXTGALEGO, a norma base que rexe desde hai máis dun ano para facer fronte á crise sanitaria no eido deportivo.