As ensinanzas da pandemia

Ubaldo Rueda
O espazo universitario desempeña un rol fundamental na formación dos nosos estudantes.

benquerido amigo:

En diferentes cartas vostede insistiu nos cambios que está a provocar esta Pandemia que, aínda que o filósofo coreano-berlinés Byung-Chul Han afirma que non pode ser mensaxeira de boas noticias, facilitou que se tomasen medidas importantes para protexer os máis vulnerables.

Hoxe gustaríame analizar con vostede as evidencias que a pandemia permitiu que aflorasen en distintos campos.

OS ESPAZOS EDUCATIVOS. Eu sempre considerei, como vostede, os espazos escolares como fundamentais na formación dos nosos alumnos e alumnas pero foi neste longo confinamento cando tomei conciencia de que eran imprescindibles. Estes días J.D. Nasio recordábanos que durante a pandemia multiplicáronse de maneira significativa os conflitos entre pais e fillos. Isto sucede por unha simple razón: os adolescentes confinados case exclusivamente no espazo familiar viviron con moita dificultade a ausencia do outro espazo, o espazo da escola, no que medran e se constrúen en contacto cos seus compañeiros e profesores.

Para os nosos nenos e nenas e para os nosos adolescentes son indispensables dous espazos fundamentais, o familiar no que sempre son os fillos e as fillas, espazo que se ocupa das súas necesidades máis primarias e fundamentais , un espazo moi garantista, en xeral menos aberto que o espazo da escola. No espazo da escola convértense no alumno ou na alumna e deixan de ser o fillo, a filla e inícianse no seu rol de maiores con soños e proxectos de futuro. É un espazo menos garantista pero moito máis aberto. Segundo o doutor Nasio a ausencia ou a fraxilización dun dos espazos pode provocar importantes desaxustes no desenvolvemento do neno ou do adolescente.

Non é menos importante o espazo universitario por iso é necesario abrir a Universidade o antes posible, como vostede suxeriu en distintas ocasións. Outro cuadrimestre coa Universidade pechada na nosa cidade faría de Compostela unha cidade sen vida e dos estudantes uns pequenos fantasmas en busca de realidade. Non podemos ignorar que o espazo universitario desempeña tamén un rol fundamental na formación dos nosos estudantes. O espazo universitario ten unha dimensión simbólica indispensable como espazo iniciático de entrada na vida adulta e no que xa empezan a construírse tanto os proxectos relacionais coma os da futura vida profesional. Estes días, unha importante investigadora do CSIC, dona Ángeles Durán, respondía nunha entrevista á pregunta sobre o que a marcara na Universidade “Eso es esencial: el pasillo. Cuando yo era estudiante, lo más importante fueron los pasillos...” Os “pasillos”, sen dúbida, o espazo dos encontros que nos modelarán. En Santiago de Compostela podemos dicir que toda a cidade é un gran campus que pivota ao redor da súa Universidade. Permítame que lle diga, don Caetano, que a cidade ten fame dos seus Centros de Ensino e da súa Universidade. Recoñecerá comigo que se algo necesitamos todos urxentemente son soños e ilusións e iso seguro que nolo poden transmitir os Centros de Ensino e a Universidade porque é o que están a facer dende sempre.

cHINA COMO MODELO? Desde o inicio desta crise, incluso dende o sector liberal que non ten ningunha afinidade coas ideas comunistas, propónsenos China como un modelo a seguir. Isto que pode parecer unha novidade non é tal, o novidoso é que vén de sectores contrapostos respecto dos que nola propoñían como proxecto a imitar no século pasado. Nos anos 70 do século XX existía unha corrente de empatía en medios intelectuais europeos respecto do modelo chinés, o modelo da Revolución Cultural. De feito Antonietta Machiochi, intelectual e parlamentaria europea italiana e profesora da universidade París, visitou China e escribiu un libro sobre China, Dalla Cina, que tivo un éxito enorme no que eloxiaba as conquistas da Revolución Cultural promovida polo presidente Mao. En París existía certa simpatía cara o modelo chinés entre un sector da intelectualidade crítica co liberalismo e co sistema anquilosado do comunismo soviético. De feito, un grupo dos intelectuais máis importantes de Francia foi invitado oficialmente a visitar China para coñecer in situ o seu modelo, entre eles, Ph. Sollers, Julia Kristeva, Roland Barthes e o mesmo Lacan. Todos eles realizaron esa viaxe excepto Lacan que se escusou por motivos “persoais”. Evidentemente esta non é a mesma China.

Actualmente é fácil atopar responsables económicos e políticos que eloxian o modelo chinés dentro do campo liberal. Recentemente Andreas Schleicher, Director de Educación na OCDE e máximo responsable do informe Pisa, ademais de verter críticas sobre o sistema educativo español, que puideron ser razoables pero moi inoportunas, suxeriu que a resposta do sistema educativo chinés ante esta crise fora modélica e debería ser un punto de referencia para todos. Resposta que probablemente deixaría perplexo ao seu compatriota o filósofo coreano-berlinés Byung-Chul Han moi crítico co espazo de liberdades no modelo chinés.

Concordará comigo que non podemos negar a eficacia do sistema chinés á hora de frear a pandemia pero este sistema de seguridade como nos recorda Zizek non foi creado para resolver as dificultades dos cidadáns senón como medio para controlar o poder dunha maneira absoluta e, sobre todo, evitar a posibilidade dunha oposición organizada por moito que se reclamase do presidente Mao. A utilización de cámaras de recoñecemento facial para detectar as emocións dos alumnos que clasifican en diferentes apartados, feliz, triste, decepcionado, asustado, sorprendido... parece un apartado da novela “1984” de Orwel. Estamos a pasar das novelas de ficción filosófica de Harari a unha dinámica de degradación do Humano cando menos inquietante. O problema evidentemente non é da tecnoloxía senón do Proxecto Humano no que se pretende utilizar.

A TENTACIÓN DA PASIVIDADE. Buscar a alegría e desterrar a tristeza é un dos obxectivos prioritarios dos Humanos, dirían Spinoza, Freud, Zizek, Lacan, Nasio ou Deleuze. A alegría, xeralmente, en palabras de Spinoza sentímola sempre cando somos activos e realizamos accións. Por exemplo, se colectivamente creamos un proxecto solidario para facerlle fronte á actual crise somos activos, sería unha acción porque ese proxecto depende fundamentalmente de nós e a alegría e satisfacción que nos produce tamén. En cambio, se a alegría do fin de semana depende de que gañe o Celta ou o Deportivo sentiremos unha alegría pasiva porque nós non somos responsables en absoluto da vitoria do Celta ou do Depor e tampouco da alegría que esa vitoria nos deparará. Spinoza denominaríaa como unha paixón alegre, neste caso, pero triste se o noso equipo perdese. A etapa de confinamento prestouse evidentemente a que buscásemos alegrías máis ben pasivas que activas de aí que sexa importante que non caiamos só na dependencia das alegrías pasivas. Sería desexable que escapásemos o antes posible á tentación da pasividade e que o desexo de facer e de crear se manteña vivo. Algo no que insiste estes días o psicoanalista parisiense Fernando de Vicente, que impartiu unha conferencia sobre o Legado de Freud nos anos oitenta no IES Rosalía de Castro.

VOLVER Á NORMALIDADE? A miúdo estes días oímos dicir que hai que volver á normalidade o antes posible e é tamén un desexo que o mesmo presidente dos empresarios, Antonio Garamendi, manifestou recentemente. Non somos conscientes de que a normalidade anterior xa non existe e como nos dicían Ángel Gabilondo e Abraham Rubín non nos queda máis remedio que vivir co telón de fondo da Incerteza. E ademais descubríronse unha serie de fraxilidades que fan difícil vivir se non se substitúen por outras certezas, como insistía vostede nunha das súas cartas e recordaba esta fin de semana o profesor Antón Costas. Tamén Daniel Innerarity, no seu último libro, ‘Pandemocracia’, avísanos dunha posible anomalía coa que podemos encontrarnos: “Podría ocurrir que un mundo se hubiera acabado y que lo siguiéramos pensando en categorías de otro tiempo y gestionándolo como si no hubiera pasado nada.”

Pero, podemos volver a algunha normalidade? Non só podemos senón que temos a necesidade imperiosa de volver á normalidade da forza do desexo de vivir, de facer e de crear. Esa forza será a que inventará novas normalidades pero, concordará comigo don Caetano, que de momento estamos a volver lentamente a ese lugar do desexo, da creatividade e dos proxectos ao que volven sempre os grandes creadores sexan empresarios como Xosé Manuel Cortizo, artistas coma Ramón Conde ou grandes promesas da cociña compostelá coma Víctor Pumarega, por citar exemplos do noso entorno.

Temos que ser conscientes de que todos os Humanos somos portadores da semente da creación. E que é necesario activala sempre que as condicións de seguridade sanitarias o permitan: “todo home crea sen sabelo como respira” lémbranos Paul Valéry nesta fermosa frase (Frontispicio do Palais Chaillot en fronte da torre Eiffel). Hoxe o noso problema non é saber a que normalidade volvemos senón ser capaces de activar a forza do desexo e abrirlle a porta á fábrica dos soños e das ilusións.

Benquerido amigo, concordará comigo que a cidade e o país o necesitan.

Saúdos moi cordiais. Foi un pracer. Siga interpelándonos.