Masa

Manuel Pombo

Multitude de xente que polo seu número pode influír na marcha dos acontecementos -unha da súas acepcións-.

Masa: turba, xentío, multitude, aglomeración. Acudir en masa. Asasino de masas. Cultura de masas. Deporte de masas. En masa. Medios de comunicación de masas. Ídolo de masas. A oclocracia é o goberno do xentío ou da plebe.

“Masa: unha suma de individuos -rabaño- que, se se apagan as luces, todos resultan pardos, dispostos a deixarse levar e permitir que alguén se aproveite deles a cambio da promesa de concederlles só dereitos e nunca obrigacións. Cando se lles dispara -son carne de canón- ou lles cae un raio -ás masas que as parta un raio, aínda que non recordo quen o dixo-, a porcentaxe de éxito resulta moi elevada. Nas contadas ocasións en que a masa actúa por si mesma, practica o linchamento. Proclives a seguir, propio de imbéciles, hoxe unha bandeira e mañá outra. Encántanlles aos demagogos -os máis viles da natureza-”. A masa non ten sentido común.

Masa: tropa de indocumentados, nada dados a pensar e moi pouco a traballar, un conxunto de acomodados, que se apuntarían ata a un coro flamenco sempre que estivese subvencionado. Sempre resultará máis imprevisible un individuo ca a masa. A gran maioría -a masa- naceu para ser mandada e, aínda por riba, a tendencia dos actuais tempos é a de que manden os que non serven para outra cousa, nin para ser mandados. A masa, máis tarde ou máis cedo, sempre acaba atopando un Moisés capaz de sacala da submisión coa promesa dun paraíso, pero as liberacións, xa se sabe, adoitan ser na maioría dos casos moi complicadas. A masa non ten sentido común.

Turismo de masas. O fútbol é para a masa, non sexa que se lles ocorra poñerse a pensar. O deporte de masas é para frustrados. A cultura nunca arrastrou as masas, o deporte si. Se queres manexar as masas, non lles deas razóns, xoga coas súas emocións. Á masa gústalle a sinceridade e por iso lle aplaude aos extremistasda dereita e da esquerda, que teñen por norma dicirlles o que lle gusta escoitar. O desprotexido, o tolleito, cando triunfa, esperta o agarimo e o apoio das masas porque se ven reflectidas nel e as fai soñar coa posibilidade de que tamén a eles lles chegue o día en que a fortuna lles sorría. A masa é tan bruta que só un político pode arrastrala. A masa non ten sentido común.

A rebelión das masas, de Ortega e Gasset: “A masa é aquel sector da sociedade que, sumido na ignorancia, se move por sentimentos elementais e emocións irracionais. Distínguese do pobo, que é o corpo social conformado polos cidadáns conscientes da súa situación e das súas necesidades, cunha vontade formada e preparada para a toma de decisións e para exercer de forma plena o seu poder de lexitimación”. Ten poder aquel en quen a masa cre (Ernst Raupach). Multitude, vasto deserto de homes (Chateaubriand). O público sente en masa e reunido dun xeito moi distinto ca cada un dos seus individuos en particular (Mariano José de Larra). Un home mergullado nunha numerosa asemblea humana perde parte da súa intelixencia, e a perda está en razón directa do número dos congregados (Á. Ganivet). A masa ou, como dixo Pío Baroja, a colectividade engánase moito mellor ca un home. Masa e poder, de EliasCanetti. Un poeta, César Vallejo, militante comunista, capaz de crer nos homes, no colectivo, en todos os homes do planeta, na Masa, nos milagres:

Entón todos os homes da terra

o rodearon; viulles o cadáver triste, emocionado;

incorporouse lentamente,

abrazou o primeiro home; botouse a andar...