O CURRUNCHO DA PALABRA

Valor

Manuel Pombo

Calidade dunha cousa, por exemplo, o valor dunha obra literaria. Medida da calidade dunha cousa, por exemplo, o valor dunha leira. Alcance da significación ou importancia dunha cousa, acción, palabra ou frase. Aptitude dunha cousa para producir efecto, por exemplo, eses documentos non teñen ningún valor.

Obxecto de valor cultural. Poñer en valor. Sistema de valores. Valores familiares. Valor ético. Bolsa de valores. Imposto sobre o valor engadido (IVE). Mercado de valores. De gran valor histórico. De incalculable valor. Emitir un xuízo de valor. Escala de valores. Xuízo de valor. Minar os valores tradicionais. Acto de valor. Armarse de valor. Botarlle valor. Ter o valor de. O valor de dicir.

Só poderás ser un valente se tes testemuñas. Se non es valente, nunca rebusques nos desperdicios dos poderosos xa que chos poden facer comer á forza. Para os que aínda buscan un proxecto de vida, amparado na miña veteranía véxome obrigado de advertilos, non nego que con moitísima dor, de que os posuidores dos antigos valores da aldea -respecto, honradez e tesón no traballo- hoxe xogan a perdedores. Aos valores transmitidos polos nosos predecesores, ás certezas morais que nos acompañaron a través de xeracións -familia, matrimonio, respecto aos maiores- chámaselles pasado obsoleto. O valor é unha calidade máis propia dos pouco intelixentes. O valor de dicir.

Gústanme as cidades que teñen mar, gozan dun valor engadido. Moi de políticos: poñer en valor. Cada época recoñece uns especiais valores. En España o que se valora de verdade é a picaresca, non a intelixencia. Aprendín de neno na miña aldea o valor do esforzo. Se algo ten moito valor, sempre será motivo de falsificación. Se un animal cede ante a arremetida do seu igual, o normal é que o desafío se dea por concluído, pero entre a especie humana, con frecuencia, se recúas, é cando máis van a por ti. O valor de dicir.

A valentía que se entra na xurisdición da temeridade, máis ten de tolemia que de fortaleza (Cervantes). Home valente e bota de viño pouco duran (refrán galego). Neste país, saturado de linguas viperinas, de frenéticos contiñeiros, case ninguén é capaz de ter a nobreza de poñer no papel, coa responsabilidade que implica toda escritura, calquera xuízo de valor sobre a xente, por moi incoloro que sexa (Josep Pla). Onde hai un fracaso é que lle precedeu o valor de intentalo... e dos moitos intentos nace o éxito (achega dun amigo xudeu). Rafael Chirbes queixábase de que, por pura pedantería, se tenda a sobrevalorar o que pode parecer difícil ou confuso, coma se na confusión se gardasen valores ocultos. Eu son un pouco menos pesimista sobre o mundo actual; creo que é verdade que se perderon certos valores tradicionais, pero ao mesmo tempo impúxose certa tolerancia polas diferenzas que fan que diminúa o sufrimento no mundo (Héctor Abad Faciolince, comunicación persoal). O valor humano (Sathya Sai Baba): “Neste mundo, cada obxecto ten un valor. O valor do sal reside en ser salgado. O valor do azucre está na súa dozura. O valor do lume é a súa capacidade de queimar. Do mesmo xeito, cada obxecto ten o seu propio valor. Dadas estas condicións, seica o ser humano non ten un valor?”.

Borges, o home que cometeu o peor pecado. Non foi feliz, sentiuse un fracasado, porque un cousa é ter valor e outra demostralo:

Déronme valor. Non fun valente.

Non me abandona. Sempre está ao meu lado a sombra de ter sido desafortunado.