Un total de 2,2 millóns de galegos están chamados ás urnas este domingo

Máis de 72.000 xa votaron por correo
12-X
El Correo Gallego

SANTIAGO. EP. Un total de 2.234.252 galegos están citados coas urnas este domingo, 12 de xullo, para participar nas eleccións autonómicas. En total, o censo ascende a 2.697.315 persoas, das cales 463.163 son residentes no estranxeiro. Pola súa banda, o voto da emigración caeu de forma histórica, xa que só 12.359 electores do Censo de Residentes Ausentes (CERA) solicitaron o voto, unha cifra que é practicamente a metade que na cita autonómica de 2016 e que é a máis baixa de todo este século.

Así as cousas, este domingo están chamados a votar na Coruña un total de 927.938 electores; en Pontevedra, 773.024; en Ourense, 257.826; e en Lugo, 275.364.

Ademais, un total de 78.503 mozos poderán votar por primeira vez nunhas eleccións galegas, desde as celebradas o 25 de setembro de 2016. Son 13.628 máis que na cita das xerais que tivo lugar o 10 de novembro de 2019.

Dos 78.503 votantes, 32.420 correspóndense coa provincia da Coruña; 30.473, coa de Pontevedra; 8.053, con Lugo; e 7.557, coa de Ourense. Desde o 5 de abril, sumaron 5.539 mozos ao censo electoral da cita estival.

VOTO POR CORREO

Un total de 72.161 galegos xa enviaron o seu voto por correo para as eleccións ao Parlamento de Galicia deste domingo, unha cifra provisional, a última dada por Correos a falta de sumar os votos do venres.

Esta cifra supón un incremento do 79,52% respecto ao anterior proceso electoral homologable, as eleccións autonómicas galegas que se celebraron en 2016 e, a falta do dato definitivo, xa supón a cifra máis alta de voto por correo rexistrado nuns comicios autonómicos en Galicia, desde a súa primeira celebración após a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981.