O BNG estreou onte en Santiago o documental co que arranca a celebración do seu corenta aniversario. A presencia de Beiras no acto brindou a imaxe do reencontro e desatou as especulacións. Na formación nacionalista, sen embargo, manifestan que a súa asistencia foi só un acto de cordialidade TEXTO X. Cibes/E.P.

40 anos e unha foto para a concordia

BNG
Xoana Cibes
Beiras, esquerda, xunto a Encarna Otero, Ana Pontón, Camilo Nogueira, Suárez Canal e Suso de Toro, onte antes de dar comezo a proxección do documental sobre os corenta anos do BNG Foto: Antonio Hernández

Había expectación onte ás portas do Teatro Principal de Santiago non tanto polo documental que se ía proxectar no seu interior –que tamén– senón pola presencia dos grandes ao longo da historia do BNG. Dos que ainda están na formación e, sobre todo, do que xa non está. Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego dende a súa fundación ata a traumática asamblea de Amio vinte anos despois, cando deixou as siglas para percorrer outro camiño, volveu ser foco de atención pola súa presencia nun acto da formación que agora lidera Ana Pontón.

O BNG abriu en Santiago as celebracións polo seu corenta aniversario coa estrea dun documental que recolle, precisamente, o momento da súa fundación o 25 de setembro de 1882. No documental participa Beiras xunto a outros históricos como Alfredo Suárez Canal (moderador da asamblea fundacional), Pilar Allegue, Mario López Rico, Encarna Otero, Francisco Rodríguez, María do Pilar García Negro, Lois Diéguez, Saleta Goi (recentemente falecida), Xoán Carmona, María do Carme García Negro, Néstor Rego e, por suposto, Ana Pontón, actual portavoz nacional del BNG.

No teatro compostelán déronse cita case todos os protagonistas do documental dos corenta anos. E houbo reencontro. A imaxe que buscaban os xornalistas era a de Beiras cos seus vellos compañeiros e con Ana Pontón. E finalmente, houbo máis de unha imaxe cargada de simboloxía. Uuha “bonita”, como a describiu Encarna Otero, de Beiras con Camilo Nogueira. Outra, tamén, na que posaron xunto a Ana Pontón, Beiras, Encarna Otero, Camilo Nogueira, Suárez Canal e Suso de Toro. No posado de familia non estaba, sen embargo, Francisco Rodríguez, dirixente da UPG, cuxas friccións co sector de Beiras conduciron á ruptura en 2012 en Amio.

A propia Encarna Otero recoñece no documental que foi, aquel, un dos momentos “máis duros” da súa vida política e “un paso atrás” que trouxo consigo a saída de outros dirixentes fundacionais, como Mario López Rico.

O inicio de algo? Significa algo dende o punto de vista político a presencia de Beiras nun acto do Bloque? Na formación nacionalista aseguran que a súa asistencia foi un xesto de cordialidade. El é un dos protagonistas da historia do BNG e, polo tanto, do documental; foi convidado e decidiu asistir. E non hai máis, din na formación frentista.

Na Rúa Nova Compostelana, Beiras limitouse onte a dicir que ve con frecuencia tanto a Encarna Otero como a Camilo Nogueira. Ainda que este, Medalla Castelao de este ano, recoñeceu ter “a impresión de que esto é o inicio de algo”, tal e come recolleu Europa Press.

O de onte foi, en todo caso, un día para as emocións e as lembrazas na historia do BNG. Especialmente emotivo foi a homenaxe a Saleta Goi, unha “galega consciente, fiel e entregada, comprometida como poucos e cuns fortisimos principios, incombustible, loitadora, incansable e ata o último alento da súa vida, unha grandisima patriota e militante da causa nacional galega”, como a definiu Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre.

O traballo sobre os 40 anos do BNG recolle os primeiros pasos dunha formación que naceu como frente político y no que, como se narra no documental, era “máis o que unía que lo que separaba”.