A CIG bótase á rúa en contra dunha reforma laboral que precariza máis

Celebrou manifestacións en once concellos esixindo a derrogación real dos cambios en materia de emprego // Pontón reclama non quedar a medio camiño
Protesta
Clara Espiño/Agencias
A voceira do BNG, Ana Pontón, xunto a Néstor Rego e Mini, na manifestación celebrada en Santiago. Foto: Xoán Rey / Efe

A Confederación Sindical Galega (CIG) botouse este domingo ás rúas de once concellos galegos para reclamar ao Goberno central a derrogación total da reforma laboral, uns cambios que, indica a plataforma sindical, precarizan máis o mercado laboral e a clase traballadora, que onte saiu ás rúas en apoio da súa reivindicación.

Centos de persoas acompañaron á CIG en Vigo na súa marcha principal encabezada por Paulo Carril, o seu secretario xeral, que instou a non validar no Congreso dos Deputados unha normativa que consolida a precariedade e reclamou unha nova lexislación que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo, engadindo que este novo pacto social “que vén enterrar máis dereitos laborais e que significa consolidar as reformas de 2010 e 2012”.

“AUTÉNTICO GOLPE DE ESTADO” Carril chamou a aprobar unha nova lexislación laboral que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo “para termos emprego e salarios dignos”, e denunciou a “fraude” que supón unha nova reforma laboral que non derroga a de 2012, “que supuxo un auténtico golpe de estado aos dereitos laborais e sociais da clase traballadora”, e que non recupera nin permite avanzar en novos dereitos.

“Despois de 10 anos de loita e de mobilizacións, despois de tres folgas xerais, a reforma de 2012 queda intacta, coa gravidade de que se actualiza á medida das duras e inxustas condicións impostas pola UE para acceder aos fondos europeos”, insistindo na crítica ao que considera un “novo e grave exemplo” da renuncia de UGT e CCOO a exercer de sindicatos de clase, de entreguismo aos intereses da patronal e de “tontos útiles” na renuncia do Goberno de PSOE e Unidas Podemos “á tan repetida promesa electoral” de derrogación da reforma.

PRINCIPAIS ASPECTOS NEGATIVOS Durante a súa intervención ao remate da protesta, o secretario xeral da CIG repasou os principais aspectos negativos dunha reforma que recorta dereitos laborais e consolida un mundo do traballo “inxusto, centralista, antidemocrático e asentado na temporalidade e na precariedade”.

Primeiro porque impón os marcos estatais fronte ao dereito á negociación colectiva en Galiza. En segundo, que non remata coa eventualidade nin impide as fraudes nos contratos a tempo parcial porque as modificacións nos tipos de contrato redúcense só a un cambio de nomes.

E en terceiro lugar, para a CIG é que implanta a inseguridade laboral permanente, agora chamada flexiseguridade, que se estende ao conxunto da clase traballadora, mentres a patronal disporá de máis recursos públicos e mecanismos para empeorar as condicións laborais e tamén salariais.

non permitir a “barra libre” En Santiago, a mobilización levou por lema ‘Nin pacto social, nin reforma laboral’, xa que a CIG tamén denuncia o “ contubernio” do pacto anterior entre UXT, CCOO, e a patronal, co Goberno de PSOE e Unidas Podemos, informa Efe.

Unhas duascentas persoas congregáronse para manifestarse contra a reforma laboral que esta semana debe ser debatida no Congreso, pero as mobilizacións tamén se produciron na Coruña, Lugo, Pontevedra e Vigo, entre outras localidades, coa participación de representantes do BNG. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou en Compostela ao Goberno central unha derrogación “íntegra” da reforma laboral e non quedar “a medio camiño” coa proposta acordada con patronal e sindicatos, que considera “un lavado de fronte” da do PP.

En declaracións antes de participar na manifestación, dirixiuse directamente ao Goberno de coalición para preguntarlle “por que habendo unha maioría no Congreso que permite” esta derrogación, o PSOE e Podemos “queren quedar a medio camiño”.

Pontón estivo acompañada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; a portavoz municipal no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, membros da Executiva nacional do BNG e deputados e deputadas do grupo parlamentario. A portavoz nacionalista recalcou que urxe a recuperación dos dereitos dos traballadores e traballadoras entre os que salientou unha indemnización de 45 días por ano traballado e que non permita a “barra libre” no despido, co fin de impedir que as empresas con beneficios multimillonarios continúen botando a rúa aos seus traballadores. Ademais, insistiu en reclamar capacidade para Galiza que permita mellorar os convenios laborais estatais e que os EREs sexan declarados pola Autoridade laboral.