A CIG outorga o Premio 10 de Marzo á loita dos traballadores de Alcoa e auxiliares

Día da Clase Obreira Galega
José Calviño
Traballadores de Alcoa nunha das acccións de protestas que realizaron na súa loita obreira contra a multinacional estadounidense. Foto: Rebelión Aluminio

As empregadas do servizo de limpeza do Álvaro Cunqueiro foron galardoadas coa distinción do 8 de Marzo

O Consello Confederal da CIG acordou recoñecer co Premio 10 de Marzo a loita dos compañeiros e compañeiras de Alcoa e auxiliares “pola súa loita incansable, grazas á que, despois de moitas xornadas de mobilizacións e folga conseguiron parar o ERE que afectaba a máis de 500 empregos da principal e outros tantos das auxiliares, facéndolle fronte a unha multinacional, que o único que pretendía era acabar co que hoxe coñecemos como planta de aluminio primario na Mariña de lucense”.

Nun comunicado, a CIG sinala que as traballadoras do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro foron as galardoadas co Premio 8 de Marzo. A central sindical tivo en conta que, coa súa unidade e determinación, foron quen de forzar á empresa concesionaria do servizo e á do propio hospital a contratar máis persoal para rematar coa sobrecarga de traballo e co estrés laboral provocados polos novos protocolos hixiénicos derivados da pandemia do coronavirus. Grazas á súa capacidade de loita e mobilización, con convocatoria de folga indefinida e protestas diarias, lograron tamén mellorar as súas condicións laborais e dignificar unha labor esencial para o eficaz funcionamento do sistema sanitario.

Coincindo coa xuntanza do Consello Confederal celebraríase o acto de entrega de ambos os galardóns mais a CIG tivo en conta que no actual contexto de pandemia, e diante da necesidade de garantir as medidas de seguridade e prevención precisas, non se podería celebrar como se vén facendo coa presenza das persoas premiadas, as convidadas e os membros do Consello Confederal. Por iso a central sindical acordou adiar o acto até que melloren as actuais circunstancias.

Entrega dos de 2020

A irrupción da pandemia en marzo de 2020 xa obrigou a suspender o acto de entrega dos galardóns que estaba previsto para o día 13 dese mes, xusto cando se anunciou o inicio do estado de alarma. Por iso a CIG acordou facer entrega dos Premios do pasado ano e do actual nun acto conxunto cando a situación sanitaria o permita.

Co Premio 8 de Marzo de 2020 a central sindical recoñeceu a resposta combativa das traballadoras do SAF de Forcarei, que denunciaron tanto as prácticas ilegais da empresa concesionaria, como a complicidade do Concello e mobilizáronse contra a pretensión de arrebatarlles dereitos básicos.

O Premio 10 de Marzo en 2020 foi para o conflito de ambulancias no que as compañeiras e compañeiros do sector protagonizaron unha folga indefinida polo convenio colectivo e grazas á que conseguiron non só mellores condicións salariais, senón tamén importantes avances na contratación indefinida, en dereitos da muller, en prevención de riscos ou en permisos retribuídos, entre outras cuestións.