“A clave da loita contra os incendios está en adaptar o despregamento territorial á realidade do rural e ás masas forestais”

XAIME LEIROSantiago
Manuel Rodríguez Vázquez diante de paneis que recollen imaxes diferentes do territorio galego. Foto: ECG

Un dos seus retos principais e o da loita contra a lacra dos incendios forestais. En que aspectos pensa innovar o modelo vixente dende a época de Manuel Fraga?

O modelo amosou estes anos que é válido. Tróuxonos ate aquí e as cifras son tercas en canto a superficie e número de incendios que vimos sufrindo nos últimos anos. O reto fundamental agora é actualizalo, tanto o xeito de afrontar os incendios de nova xeración que estamos a sufrir como o rural que non é o de hai 20 ou 30 anos. Evidentemente, o noso despregamento ten unha traxectoria e naceu hai casi tres décadas. Primeiro temos que adaptar o despregamento do dispositivo á realidade territorial a día de hoxe e tamén ás masas forestais e adaptalo así mesmo no eido formativo das brigadas, técnicos e axentes, xa que estamos ante un novo escenario de lumes para os que ninguén estaba adaptado suficientemente a nivel mundial.

Estamos condenados a investir no combate dos lumes casi todo o beneficio económico que se pode extraer do monte?

Non comparto a afirmación de que se invista tanto como o beneficio económico que produce. Pero, ademais, o monte, o medio rural galego, aporta algo máis que o beneficio económico do cultivo forestal. O servizo de protección dos incendios forestais e esta dirección xeral o que realmente fan e defender ó conxunto do medio rural dos lumes, non só os montes. Defendemos os nosos pobos, as vías de comunicación, os labradíos. O monte é algo máis que o cultivo forestal: que valor económico ten unha fraga? Defendemos valores algo máis que económicos, valores ecosistémicos, paisaxísticos, defendemos o rural no seu conxunto. Non se pode valorar só desde un punto de vista productivista que, por outra parte, ás veces, se reprocha o monte galego. É algo máis que produción de madeira. Aporta outra serie de valores que nós defendemos.

Son realmente evitables co modelo de explotación actual as vagas de lumes periódicas?

Vencellar as periódicas vagas de incendios que estamos a ter nas últimas décadas co modelo de cultivo forestal galego e un erro de partida. Como se pode comprobar, as vagas de incendios que sufrimos non son únicas de Galicia. Vémolo practicamente en toda Europa e a nivel mundial, como se puido comprobar en California (Estados Unidos) ou Australia e noutros países ben desenvolvidos. Non están vencelladas a un tipo de cultivo forestal, nin sequera a un tipo de rural, son un problema global derivado de certos paralelismos en todos estes países. O cambio climático está ahí, evidentemente, e a evolución do rural en todos os países desenvoltos é similar con menor presencia de población rural. Aínda que o número de explotacións permanece, a población no territorio está disminuíndo. Non se pode vincular a un tipo de cultivo ou explotación forestal único de Galicia.

Un feito que pode influir para cambiar esa dinámica negativa e a lei de recuperación e posta en valor da terra agraria. Que receptividade está vendo a esta normativa no propio rural galego?

A palabra é expectación. O igual que falaba antes de actualizar o dispositivo de loita contra os incendios, é necesario actualizar a lexislación que nos permita ter ferramentas ‘para atallar problemas como o número de propietarios vencellados o medio rural, que aquí sí é un feito diferencial, porque pasamos sobradamente do millón e medio de cidadáns que son propietarios de algunha ou de varias fincas rústicas ao longo do país. Ese sí que é un modelo casi exclusivo galego, e coa evolución destes últimos anos e co abandono da actividade agraria por parte de moita xente temos a necesidade de ter ferramentas actualizadas que nos permitan que o territorio esté xestionado, ocupado, cultivado e que teña un rendemento. Esta lei se espera con expectación no rural porque é moi necesaria.

O futuro forestal tamén parece que pode afianzarse cos cinco proxectos ligados ao sector que aspiran a beneficiarse dos fondos europeos Next Generation. Son viables, pase o que pase coas partidas procedentes da Unión Europea?

Primeiro, confío en que se consigan fondos europeos para o seu desenvolvemento porque os proxectos presentados son moi sólidos e están ben plantexados. Confío plenamente no modelo que presentou Galicia. En segundo lugar, como calquera outro proxecto de corto, medio ou largo plazo, cando está ben plantexado pasa a ser proxecto de país. Polo tanto, son proxectos nosos que se van levar a cabo sen ningunha dúbida. Evidentemente, se conseguimos levalos adiante coa colaboración do Goberno central, a chegada dos fondos europeos acelerará o proceso. Hai que pelexar calquera euro que veña de Europa. En todo caso, forman parte dun proxecto estratéxico desta Consellería para o rural galego, polo que levaranse adiante sen ningunha dúbida.

Outro aspecto no que puxo o foco o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o día que vostede tomou posesión do seu cargo foi o de abordar a revisión do plan forestal de Galicia.

O plan Forestal de Galicia é o documento posiblemente nos últimos anos máis necesario para o rural galego. Plantexa un escenario a vinte anos, ate o 2040, revisable. Ten que ser un documento vivo, que permita revisións periódicas dos obxectivos a acadar. Nos plantexa unha novidade: o Anuario Estatístico Galego para as Masas Forestais. O noso modelo forestal require información constante de como está a superficie de cada especie e tamén de como son os turnos de corta para poder adaptar as decisións administrativas e lexislativas ao rural. Polo tanto, que haxa xa un plan con un concepto dinámico, revisable e cunha foto variable do territorio e da súa evolución é fundamental para tomar as decisións máis correctas. Establece unha estratexia e puntos de análise de como é o cumplimento desa estratexia. E un documento vivo e é a primeira vez que se fai algo así en Galicia.