A comunidade educativa será escoitada por Rodríguez tras o ‘adeus’ á recuperación da ESO

O conselleiro comezará unha rolda de contactos para ofrecer “certezas e solucións ante a decisión unilateral” do Goberno
Contactos
Victoria Pardo
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Foto: Gallego

Ante o “adeus” aos exames de recuperación na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e os cambios de criterios impulsados pola “decisión unilateral” do Goberno central en materia de avaliación e promoción educativa, que están xerando un “caos” total “sen sentido” algún, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, iniciará dende este luns unha rolda de contactos cos principais membros do sistema educativo para ofrecer certezas e buscar solucións.

Así o avanzou este domingo nunha entrevista na Radio Galega, onde explicou que hoxe se reunirá coa Xunta Autonómica de Directores e que, nos seguintes días, convocaranse máis encontros cos representantes sindicais, distintas asociacións de nais e país ou o Comité Educativo. O propósito é “compartir a situación cos axentes escolares para ter a súa visión e consensuar que esta adaptación teña o menor impacto posible nun sistema educativo que nos últimos anos ten destacado nas variables de calidade, equidade, xeración de igualdade de oportunidades e en capacidade para educar en valores”.

“O progresivo avance da educación en Galicia ten que seguir”, afirmou Rodríguez, para quen a educación “non se pode xestionar con criterios a curto prazo nin oportunistas. Xogámonos o futuro do país”. Así mesmo, reclamou “respectar o marco competencial”. Como recordou, “a educación é unha competencia das comunidades, de aí que no se poida “facer unha transposición acrítica do real decreto do Ministerio”.

ALGO “SEN SENTIDO”. Ademais, o conselleiro avanzou o “forte impacto” da decisión “precipitada” do Goberno estatal, cunha “terceira rectificación” en semanas amparada nun informe non vinculante. “É algo sen sentido, que provoca improvisación e caos. Comezamos o curso cunhas regras e a metade do curso, cambian”, dixo. Por iso, lamentou ter acertado nos seus prognósticos sobre os problemas que esta lei suporían.

“Temos que dar certezas para que o sistema educativo non estea tan convulso. Non se poden tomar medidas arbitrarias como fai o Goberno de España e xerar inseguridade xurídica”, sinalou. Para logralo, o seu departamento estuda o decreto nunha liña xurídica e noutra organizativa.

Fronte á actitude do Ministerio de Educación y Formación Profesional, a Consellería buscará “falar, escoitar e pactar o mellor desenvolvemento para que xere o menor impacto”. Quérese avaliar e acordar medidas para afrontar o resto do curso con certezas, de tal xeito que se reduza a arbitrariedade e se axude aos claustros, que así o veñen solicitando nos últimos días.

a “DESVALORIZACIÓN” DA FUNCIÓN SOCIAL DA EDUCACIÓN. Como explicou o titular de Educación, o real decreto do Goberno (anunciado un venres e aprobado en Consejo de Ministro dúas xornadas hábiles despois) “afecta á organización do curso, a como se examinan os alumnos e aos requisitos para que poidan ou non pasar de curso. En definitiva, á estrutura do calendario xa planificado”.

Na súa opinión, máis alá dos problemas, este cambio repentino “xera un descrédito”. “É unha desvalorización da función social da educación, que ademais prexudica aos alumnos menos favorecidos e reduce a igualdade de oportunidades”, apuntou. Porén, garante que seguirá traballando por un modelo como o que na última década permitiu reducir o abandono escolar á metade subindo a calidade e apostando pola cultura do esforzo, blindando os estándares que sitúan a Galicia nos postos de cabeza do informe PISA.

POSIBLES PROBLEMAS NO PRÓXIMO CURSO. Por outra banda, Rodríguez amosou tamén a súa preocupación polos prazos dos currículos da nova lei educativa, que o Goberno central debe aprobar e publicar para que as comunidades poidan desenvolver os seus e activar a tramitación lexislativa dos decretos autonómicos, trámites que teñen uns prazos mínimos que non se poden alterar.

A iso súmase a elaboración de novos materiais didácticos por parte do sector editorial, entre outros. Como dixo, se o Ministerio non cumpre, “podemos toparnos cunha situación moi problemática a principios do próximo curso”.