A comunidade xa dispón dunha unidade de ensaios clínicos de fases temperás

Situada en Santiago, é unha das 17 que contan con certificación en España, onde hai trinta e nove // Outro gran acerto do IDIS
Sanidade
E. Nieto
Presentación. O conselleiro de Sanidade na nova unidade de ensaios clínicos en fases temperás do IDIS. Foto: Gallego

A partir de agora Galicia dispón da súa propia unidade de Ensaios Clínicos de Fases Temperás, presentada onte polo titular da carteira de Sanidade, Julio García Comesaña, no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS)

Deste xeito, segundo informan dende o Executivo autonómico, a comunidade galega xa dispón dunha das 17 unidades de Ensaios Clínicos de Fase Temperá que contan con certificación no estado español. No total do país, hai na actualidade 39 unidades adicadas a este fin.

Dispor desta certificación, salientan dende a Consellería de Sanidade, “aporta un valor significativo”, dado que deste xeito garántese “a labor de excelencia por parte dos investigadores”. Unha excelencia que se “materializa”, apuntan, “na consecución de avances pioneiros nos ámbitos da oncoloxía, a hematoloxía, ou a neonatoloxía”.

Unha Ferramenta clave. Tal e como indican dende a carteira de Sanidade do Executivo galego, os ensaios clínicos con medicamentos son unha ferramenta clave e imprescindible na investigación clínica á hora de probar novos fármacos, sempre previa autorización á súa comercialización.

Neste senso, “para demostrar a eficacia e seguridade dos medicamentos séguese un estrito protocolo de actuación e garántense unhas condicións de control e seguridade”.

Asemade, dispoñer da posibilidade de acceder a ensaios en fases temperás supón unha vantaxe engadida, dado que isto permite que os pacientes poidan “acceder a novas terapias dun xeito precoz”, nas primeiras etapas da enfermidade.

Investigación na capital galega. Na actualidade, no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela estanse a levar a cabo 700 ensaios clínicos. Do total, 147 ensaios iniciáronse en 2021, é dicir, un 21% entraron en funcionamento hai menos de dous anos.

No tocante aos ensaios clínicos en fases temperás, na actualidade representan xa un 30% do total que se rexistran hoxe en día na capital galega, isto é, 210.

A Unidade de Ensaios Clínicos da capital galega está situada no andar -1 do Hospital Clínico. Entre outros recursos, dipón dunha consulta médica, cun hospital de día e cun sistema de monitorización continua. Asemade, conta tamén cunha sala de procesamento e conservación de mostras biolóxicas.

Aposta pola investigación. Con esta inversión nunha Unidade Ensaios Clínicos de Fase Temperá, a Xunta de Galicia consrtata a súa aposta pola investigación, “achegando os recursos e infraestruturas precisas para obter os mellores resultados posibles”, segundo salientan dende a Consellería de Sanidade.

Do mesmo xeito, dende o Executivo galego tamén apuntan que se “incrementará nun 15’4% a partida orzamentaria destinada á investigación sanitaria”. Isto implica que se superará a cifra de 3,4 millóns de euros.

Asemade, tal e como informan nun comunidade, “tras a recente acreditación, por parte do instituto Carlos III, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia-Sur de Vigo; a Xunta consegue completar o mapa galego de centros acreditados”.

Trátase dunha conxuntura, que “permitirá integrar no sector público autonómico aos investigadores deste centro de investigación, xunto cos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e os do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC)”, aseguran.

Novas prazas de persoal investigador. Finalmente, informan dende a carteira de Sanidade que no referido ao persoal investigador que depende directamente do Servizo Galego de Saúde, prevese convocar novas prazas.

Máis concretamente, a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema Público de Saúde, achegará un total de 34 prazas de persoal investigador, na procura da estabilización do persoal investigador vencellado ao Sergas.