A Deputación da Coruña, primeira que paga axudas pola alza dos carburantes

Inflación
Redacción
o presidente da Deputación, Formoso (4 d). Foto: Gallego

Administracións. A Deputación da Coruña será a primeira administración galega que pague axudas directas a tres sectores estratéxicos da provincia especialmente afectados pola alza dos combustibles: o agrogandeiro, o pesqueiro e o do transporte de mercadorías por estrada.

Apenas 24 horas despois da apertura oficial do prazo de solicitudes, que comezou este xoves ás 9 da mañá, máis de 4.500 pequenas empresas e profesionais autónomos destes sectores solicitaron as axudas deste programa, esgotando o crédito dispoñible de 5 millóns de euros en menos de un día.

O presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, considerou que a elevadísima demanda de solicitudes rexistrada en apenas unhas horas “demostra a necesidade e a urxencia de articular plans de axudas desde as administracións públicas para apoiar aos sectores que máis están sufrindo as graves consecuencias económicas da guerra de Ucraína”.

Neste sentido, sostivo que “como xa fixemos durante a pandemia coas axudas á hostalaría, a Deputación cumpre o compromiso de apoiar aos sectores máis afectados e faino ademáis de forma áxil e eficaz, pagando as primeiras axudas nun tempo récord”. Redacción