A Deputación da Coruña promételle a UGT manter o pulo pola recuperación

González Formoso eleva a 25 os millóns de euros en axudas aos sectores golpeados pola covid-19
Plan de emprego local (PEL)
José Calviño
Pola esquerda, Ángel Iglesias, González Formoso e José Antonio Gómez, na sé da Deputación coruñesa. Foto: Gallego

A Deputación da Coruña vai a manter o seu esforzo na provincia en materia de reactivación económica e promoción do emprego a través do seu Plan de Emprego Local (PEL). Así llo trasladou o seu presidente, Valentín González Formoso, ao secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e o seu homólogo nas comarcas da Coruña e Cee, Ángel Iglesias, nunha reunión este martes.

No encontro celebrado esta mañá na sede provincial, o titular da Deputación analizou cos máximos representantes do sindicato a situación laboral e social en Galicia e A Coruña, así como os retos relacionados coa recuperación e os fondos Next Generation. González Formoso tamén aproveitou para recoller propostas da central sindical en materia de emprego para incorporalas aos Orzamentos 2022, nos que o Goberno provincial xa está traballando.

Destacou o esforzo inversor que fai a Deputación para impulsar a reactivación económica da provincia nun contexto de crise derivada da pandemia. O PEL “fala por si mesmo”, indicou o presidente provincial, que destacou que aínda non sendo unha competencia da Deputación “creamos nos ultimos anos a través deste programa 7.000 postos de traballo, amparamos proxectos emprendedores da provincia da Coruña para crear mais de 1.700 empresas e investimos 41,5 millóns de euros nun ambito como o da creación do emprego que non era especialmente o noso, pero que agora é a gran bandeira desta Deputación”.

Valentín Formoso subliñou tamén “os 25 millóns de euros que a través dos dous plans Reactiva destinamos o ano pasado en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia, coma a hostalaría, pemes e autónomos”, así como a Rede Provincial de Espazos de Coworking, que xa suma 10 centros en funcionamento e que pretende impulsar o emprego e a actividade económica nas zonas máis rurais da provincia, axudando a que a xente moza poda establecer alí a súa vida”.

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, agradeceu o traballo que desempeña a Deputación no eido, “que pese a non ter competencias na materia está facendo politicas de aposta polo emprego importantes, cun orzamento considerable en comparacion con outras Deputacións e organismos, poderiamos dicir incluso que coa propia Xunta”. Gómez expresou que “debería continuar ese paradigma de impulso por parte das administracions, de esforzo inversor, tanto para políticas de desenvolvemento industrial como de cohesión social e, loxicamente, para todo iso é necesario unha aposta polas politicas de emprego”.

Pola súa banda, González Formoso tamén agradeceu “as opinións e as aportacións permanentes do sindicato UGT no Foro Económico e Social da Deputación, un espazo de traballo e diálogo para construír xuntos o futuro da provincia”. Este recurso terá un destacado papel no asesoramento ao goberno provincial no deseño de plans estratéxicos en eidos chave para o futuro da provincia coma o emprego, o desenvolvemento industrial, a loita contra a covid-19 ou os fondos europeos de recuperación.