A economía galega, case en ‘precrise’ cun 8,1 % de alza en xuño

No segundo trimestre houbo un aumento do 17, 5 % // Rexurdiremos da pandemia no 2022
Postpandemia
Susana Martínez
SECTOR TURÍSTICO. Visitantes en Santiago de Compostela. Foto: Antonio Hernández/ECG

Galicia leva presentando cifras de crecemento económico nos últimos meses, achegándose a niveis prepandemia, de forma que se consolida en datos positivos. Así o establece o Indicador Abanca-foro da Conxuntura Económica da comunidade galega, amosando que a nosa rexión presentou un crecemento positivo internanual no mes de xuño dun 8,1 %. Desta forma, estes resultados afianzan a recuperación da actividade económica en Galicia.

Segundo os datos do indicador, sinala que finalizado o segundo trimestre do ano, a evolución mensual resultou nun crecemento do 25, 1% en maio, e un 18, 4 % en abril. Estas cifras encaixan cos datos oficiais da Contabilidade Trimestral do segundo trimestre publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Desta forma, establécese un crecemento do 17, 5 % interanual da economía galega, que representa o seu mellor dato na serie histórica. Este feito constata un comportamento moi favorable da actividade económica que sigue achegándose, mes a mes, aos niveis pre-crise. Un nivel que, en todo caso, non se acadará ata o próximo ano 2022.

No que atinxe á evolución individual das variables, ráchase a tendencia dos dous meses anteriores cando todas as variables comprendidas experimentaban fortes crecementos. Neste senso cómpre destacar novamente o comportamento das variables referentes ao sector turístico que fai referencia á tasa de crecemento en función dos viaxeiros entrados e os transportes de pasaxeiros cuns incrementos interanuais superiores ao 10 por cento.

Igualmente, cabe destacar que outra variable a ter en conta, cun crecemento destacable, é a cifra de consumo de gasoliña e gasoleo, que acada o 10 % máis en termos interanuais. No lado negativo as variables de comercio exterior refentes ás exportacións e importacións realizadas na comunidade amosan cifras negativas, así como a matriculación de turismos.