A entrega das Medallas de Galicia volve ao 25 de xullo oito anos despois e asistirá Felipe VI

A cerimonia queda fixada para as 18,30 horas no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura
Recoñecementos
E.P.
Na imaxe, da entrega das Medallas de Galicia 2020, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto a dous pacientes da COVID, fan entrega da distinción aos profesionais sanitarios que loitaron contra a pandemia. XUNTA

A cerimonia de entrega das Medallas de Galicia volverán celebrarse o 25 de xullo e neste 2021 contarán coa presenza do rei Felipe VI. Facía oito anos que este acto non se celebraba no día grande da Comunidade galega, xa que en 2014 se decidiu mover a data para condecorar ás vítimas e voluntarios do accidente ferroviario de Angrois xusto cando se cumpría un ano do sinistro.

Aínda que nun principio o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificara que sería o 24, este mesmo martes a Administración autonómica avanzou que recuperará a tradicional data do 25 de xullo para a entrega da que é a máis alta distinción autonómica. Este ano, distinguirá ao persoal sanitario que participa no dispositivo de vacinación contra a covid-19.

Ademais, desta forma aproveitarase a presenza do rei Felipe VI, xa que na mesma xornada o monarca realizará persoalmente a Ofrenda ao Apóstolo por segundo ano consecutivo e asistirá á reunión do Real Padroado de Santiago, que se volverá a convocar despois de 18 anos. A esta última cita está previsto que acuda tamén o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Así, a cerimonia de entrega das Medallas de Galicia queda fixada para as 18,30 horas no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura. Será o segundo ano en que este acto estea marcado pola pandemia, xa que en 2020 esta distinción a recibiron os sanitarios que loitaron en primeira liña contra a covid-19.

SANTIAGO. EUROPA PRESS