A USC decide unirse á Rede de Universidades pola Diversidade

Reforza así o seu compromiso de garantir a protección ao colectivo LGTBI que forma parte da institución académica
l.reySantiago
Membros dalgunhas universidades españolas que apostaron por adherirse á RUD. Foto: USC

Unha trintena de universidades españolas, entre elas a USC, ratificaron recentemente o seu compromiso en defensa do respecto da diversidade acordando a súa adhesión á Rede de Universidades pola Diversidade (RUD), un espazo de coordinación constituído a finais do pasado ano que traballará conxuntamente por unha abordaxe inclusiva da diversidade no sistema universitario.

A noticia deuse a coñecer este martes 17 de maio con motivo do Día Internacional contra a LGBTIfobia, unha data simbólica que as institucións aproveitaron para condenar de maneira contundente calquera forma de discriminación contra o colectivo de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, intersexuais e máis disidencias sexo-xenéricas, o que é unha das principais liñas de acción da RUD.

Coa adhesión á rede, a Universidade de Santiago de Compostela reforza o seu compromiso de garantir a protección ao colectivo LGTBI que forma parte da comunidade universitaria.

Cara a este fin , ao longo dos últimos anos puxo en marcha diferentes instrumentos, como o Protocolo de Prevención e Actuación fronte ao Acoso Sexual e ao Acoso po Razón de Sexo, Orientación Sexual e Identidade de Xénero, aprobado en 2017, ou o máis recente Protocolo de actuación para os cambios de nome e de mención relativa ao sexo das persoas transexuais, transxénero e intersexuais, aprobado polo Consello de Goberno en xaneiro de 2022.

iniciativas que loitan contra a ausencia de discriminación A colaboración e coordinación das universidades adheridas a esta rede mantéñense dende hai varios anos. Ao seu abeiro desenvolvéronse iniciativas como o Orgullo Universitario, unha xornada de actividades e reivindicacións realizada por primeira vez no ano 2020 que uniu decenas de institucións, ou como a presentación de alegacións no trámite de consulta pública do Anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario para mellorar as medidas lexislativas arredor da diversidade na educación superior.

Dende a coordinación e a secretaría da Rede de Universidades pola Diversidade destacan que “temos un enorme e ilusionante traballo por diante, no recoñecemento e visibilidade da diversidade en todos os recunchos das nosas universidades, coa interseccionalidade como aceno de identidade e o máximo respecto ao dereito á igualdade e a ausencia de discriminación por calquera condición ou circunstancia persoal ou social, que debe presidir a educación universitaria”.