A ‘X Solidaria’ no IRPF non custa nada, pero aínda hai 594.110 galegos que non a marcan

Ante a emerxencia que trae a pandemia, as entidades sociais piden “máis ca nunca” este apoio nas declaracións
Campaña de la Renta
Santi Riveiro
#emerXenciaSOLIDARIA. Na Praza Quintana as ONGs galegas iniciaron a súa propia campaña. Foto: T.S.

Un chamamento de auxilio en toda regra. Ante a emerxencia na sociedade que acentuou a pandemia, as entidades galegas “máis ca nunca pedimos o apoio das persoas contribuíntes na Declaración da Renda”. Co inicio da Campaña da Renda 2020, a primeira que pagaremos de moitas formas –e ningunha boa– pola COVID-19, existe un sinxelo camiño para apoiar aos demais que non nos vai a custar nada: marcar o X Solidario na nosa declaración, como fará este xornalista.

“Nin pagas máis, nin che devolverán menos”, punto primeiro; “se xa se marcou a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’ pódese axudar o dobre”, punto segundo, porque así non será o 0,7 % dos teus impostos os que se adiquen, senón o 1,4 %. Porque se non se marca ningún, quen decide que facer con eses cartos é o Estado.

Sen embargo, onte na compostelá Praza da Quintana as entidades sociais, representadas por EAPN Galicia-Rede Europea contra a Pobreza, CERMI Galicia ou a Plataforma pola Infancia de Galicia quixeron deixar claro que “estivemos, estamos e estaremos en primeira liña, apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables, moitas veces posible coa colaboración de todas as persoas que marcan a X Solidaria na declaración da renda”.

Baixo a etiqueta #emerXenciaSOLIDARIA, as ONG galegas lanzan unha campaña nas redes sociais con vídeos de persoas beneficiarias de programas financiados coa X Solidaria. Porque, desta vez, non pode quedar un recadro sen marcar.

Os datos son elocuentes. En Galicia, as 735.705 persoas que presentaron a Declaración da Renda 2020 marcaron o recadro de “Actividades de interese social”, o que constitúe unha pequena vitoria, pois son 19.504 máis que en 2019.

Nembargantes, aínda hai a día de hoxe 594.110 persoas que seguen sen marcar esa X Solidaria. ¿Por deixadez? ¿Egoismo? ¿Ou porque non o comproban cando lle dan o OK final á declaración? “Se todas as galegas e galegos marcásemos a X Solidaria, a asignación final en Galicia sería de 32.277.163 euros”, que son, nada menos, 12.984.780 euros máis dos recadados.

O que se podería facer con ese volume extra de recursos é incalculable en valor humano. Poñamos exemplos: Aspace, cunha decenas de accións, beneficiou a 1.312 persoas; Cogami a 11.155; Down Galicia a 741 de forma directa e 2.223 indirectas; Érguete a 890; Fagal a medio milleiro; Faxpg a máis de dúas mil; un milleiro por Feafes; Fegadace a 5.105; Meniños a 257 educadores e 4.081 nenos de 79 centros; Secretariado Xitano a 440; e Terra e Xente a 7.720. Suman 37.444 personas que recibiron unha atención ás súas necesidades, psicolóxica, apoio, terapias, clases, servizos para a súa inclusión... imprescindibles.