A Xunta arremete contra a nova ABAU: dilúe materias e xera subxectividade

Presentará un informe elaborado pola Consellería de Cultura e Educación con achegas sobre a proposta do novo modelo// Lamentan a sensación de improvisación por parte do Ministerio
Educación
E. Nieto
O conselleiro Román Rodríguez, no centro, durante a xuntanza que mantivo onte co seu equipo para avaliar as novas probas de acceso á universidade. Foto: Lavandeira Jr.

“Soprendidos” e “preocupados”. Así é como vén de definir o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, Román Rodríguez, as súas conclusións arredor da análise da proposta de novo modelo de Avaliación de Bacharelato de Acceso á Universidade, presentado pol Goberno central hai un par de meses, e que consideran que “dilúe asignaturas” e xera “subxectividade”e “desigualdades”.

Así o asegurou este luns o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, logo de que o seu departamento mantivera unha reunión de traballo para ultimar os detalles das achegas que o Executivo galego lle remitirá ao Goberno central sobre a proposta do novo modelo da ABAU. Na xuntanza tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e a directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández.

“Todos eles coinciden”, segundo asegura a Xunta nun comunicado, “en que se trata dun novo paso que devalúa a cultura do esforzo, na liña do que vén sucedendo con distintas medidas por parte do Goberno desde a entrada en vigor da nova lei” de educación, a LOMLOE.

O calendario proposto polo Ministerio é a maior eiva detectada polo Executivo central, dende onde o califican como “precipitado” e sen marxe suficiente para “avaliar o funcionamento e resultado das probas piloto”. “A primeira delas está prevista para este mesmo curso, en primavera, e a ela o Goberno central pretende que concorra en abril alumnado de 2º de Bacharelato. Isto malia que dous meses despois, en xuño, se examinará co modelo vixente nos últimos anos” denuncia a Xunta .

avaliación de madurez. Outra das cuestións que critican dende o Goberno autonómica versan arredor dun posible aumento da subxectividade á hora de avaliar a proba de madurez académica, que terá unha ponderación do 75%, e que trae consigo “varios problemas que dende o Ministerio non parecen contemplar.

O principal é como afectará ao proceso de ensino-aprendizaxe e a mestura de idiomase de materias humanísticas e o proceso de avaliación. A Xunta teme que se incremente “o grao de subxectividade, o que faría preciso contar con varios especialistas para realizar unha dobre e mesmo tripla corrección”.

Sobre como este novo modelo de avaliación tería consecuencias negativas sobre a cultura do esforzo, o conselleiro explicou quea “ao diluír no exercicio de madurez o protagonismo de certas asignaturas” como as linguas, Historia ou Filosofía, o que se consegue é unha “certa desincentivación” no tocante a estudar estas materias. “Non vai a haber exámenes nin de inglés, nin de galego, nin tampouco de castelán”, concluíu.

Proba única. Asemade, Rodríguez asegurou que ao renunciar “de xeito explícito” a unha proba única, unha demanda do Executivo galego que vén de atrás, “mantéñense os desequilibrios territoriais entre as comunidades autónomas”. Neste senso, aludiu ás comunidades que “destacan nos informes PISA en todas as materias” como é o caso de Galicia, pero que “comparativamente con outras comunidades”, nas notas de ABAU teñen considerablemente menores resultados.

Dende a Xunta de Galicia consideran que con este novo modelo estaríanse a acentuar as desigualdades territoriais “que son o principal problema detectado arredor da actual ABAU”. Insisten en que “non é suficiente” ter a previsión de futuros acordos neste senso, e piden unha proba “homoxénea que asegure niveis de esixencia similares e unidade de criterios de correccións”.

Ante estas “eivas”, o Executivo galego “lamenta a sensación de improvisación”, segundo conclúen no comunicado, algo que “contrasta coa necesidade de abordar unha reforma seria e profunda” dun modelo que “debería ter vocación de permanencia. Dende a Xunta aseguran que un cambio “deste calado” debería “afrontarse de forma pausada” e co tempo preciso para convalidar os novos currículos, que acaban de poñerse en marcha logo da implantación da LOMLOE.