A Xunta defende a ubicación de Ence en Lourizán, que non ten alternativa

Alfonso Rueda pide solucións ao Goberno central antes de reunirse co comité
Mesa de diálogo
E.P.
Planta industrial de Ence en Pontevedra. Foto: ECG

Pontevedra. O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, avanzou que este xoves, día 2, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reunirase cos representantes do comité de empresa de Ence en Pontevedra aos que transmitirá que no Goberno galego non ten “alternativa” para o traslado da fábrica de Lourizán.

Nesta reunión, solicitada polos traballadores, o vicepresidente segundo reiterará que “a localización na que ten que estar Ence é na que está actualmente” xa que, segundo afirmou Rueda “é a que permite a súa consolidación e crecemento nun momento bo para este tipo de actividade”.

Nun almorzo informativo celebrado en Pontevedra, criticou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica convocase a reunión da mesa de traballo sobre o futuro de Ence para o 10 de setembro. “Medio ano despois da primeira”, sentenciou.

Por outra banda, sobre este novo encontro, a Xunta espera que o Goberno central diga “cal é a solución para que o traballo siga na comarca de Pontevedra”. E é que Rueda advertiu de que “os que non queren que siga a fábrica terán que ter unha solución se a fábrica non está. “A Xunta de Galicia non a ten”, dixo.

“Non se o que vai facer a empresa, como non se que van facer, aínda que o intúo, a administración central e o concello de Pontevedra, que será poñerse de lado despois de provocar este terremoto”, asegurou ademais Rueda.

Segundo indicou o número dous da Xunta, dúas administracións “decidiron que aquí non pode seguir, que había que facer o posible para que se marchase” e a día de hoxe, “polo menos en primeira instancia, conseguírono” a falta dos recursos xudiciais á sentenza da Audiencia Nacional.

A Xunta, apuntou Rueda, “se pode ser parte da solución serao”, pero sinalou que eles non teñen a solución, engadindo que “non pode partir da administración que se esforza en reventala”. E. PRESS